As primeiras conclusións sobre as causas do accidente do funicular de Lisboa publicaranse esta tarde
As primeiras conclusións sobre as causas do accidente do funicular de Lisboa publicaranse esta tarde
Os ascensores históricos da Glória e Lavra nunca foran inspeccionados pola Autoridade de Seguridade Ferroviaria
Os operarios e as máquinas xa sacaron da rúa lisboeta da Glória os restos do funicular accidentado o mércores. Tamén retiraron do sitio a outra cabina, que permanecía en perfecto estado preto do lugar do sinistro.
Moitas persoas achéganse á zona para deixar mostras de dó ás dezaseis vítimas mortais e de apoio aos máis de vinte feridos no accidente.
A empresa Carrís, que xestiona os catro elevadores similares, é a responsable de seguridade dos aparellos
Segundo publica este sábado o xornal portugués Público, os ascensores históricos da Glória e Lavra nunca foran inspeccionados pola Autoridade Nacional de Seguridade Ferroviaria, xa que, segundo a lexislación aprobada en 2020, non teñen competencias sobre estes aparellos, construídos antes de 1986 e clasificados oficialmente como patrimonio. De feito, o ascensor da Glória, o sinistrado, foi declarado monumento nacional en 2002. A empresa Carrís, que xestiona os catro elevadores similares que hai en Lisboa, é responsable da seguridade dos aparellos, aínda que unha directiva da Unión Europea di que é responsabilidade exclusiva da autoridade de Seguridade Ferroviaria garantir o cumprimento da normativa.
Esta tarde coñeceranse as primeiras conclusións sobre as causas do accidente
A Oficina de Prevención e Investigación de Accidentes Aéreos e Ferroviarios en Portugal anunciou que esta tarde publicará unha nota informativa sobre as primeiras conclusións acerca das causas do accidente do famoso funicular da Glória.