Esta Semana Santa preséntase como a da recuperación do turismo en Galicia
As previsións de ocupación roldan ou mesmo superan o 80 %
Entre o venres e o sábado chegaron a Compostela máis de 2.000 peregrinos
Despois de dous anos complicados para o sector turístico, todos os indicadores fan pensar que esta vai ser a Semana Santa de consolidar a recuperación do turismo a niveis previos á pandemia...
As previsións de ocupación son boas en Galicia. Dependendo das zonas, roldan ou mesmo superan o 80 %.
"Se nos atopamos na Ribeira Sacra iso xa está case ao 90 %, na zona da Costa da Morte tamén, nas Rías Baixas, na cidade de Vigo, por suposto nas cidades onde se celebran as festas de interese turístico internacional, como Viveiro e Ferrol, e tamén en Santiago de Compostela hai moitísmo movemento", di Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.
E é que o sector ten as esperanzas postas tamén en que continuamos en ano Xacobeo.
"Entre o venres e o sábado, estamos a falar de máis de 2.000 peregrinos. Só nestes días triplicamos o completo da Semana Santa pasada", engade Nava Castro.
Xa se comeza a sentir tamén o pulo internacional do camiño de Santiago.
"Estase a recuperar o turismo internacional, vén xente de Alemaña, Estados Unidos, México, Italia. Sinceramente isto está a andar", di a directora de Turismo de Galicia.
Co remate de restricións e co regreso á normalidade súmase ademais que esta temporada de vacacións ten un elemento novo, como é o AVE a Galicia.
"O AVE sitúanos xa a tiro de pedra, se alguén dubidaba de que non ía vir ata Galicia, agora xa como está a dúas horas e cuarto, pois para decidir imos achegarnos ata Galicia, iso vai ser moi bo", asegura Nava Castro.
E se a Semana Santa resulta ser un éxito, o sector turístico confía en que estes días sexan un reflexo do que pode acontecer no verán.