España xa coñece os seus rivais no Mundial 2026: Cabo Verde, Arabia Saudita e O Uruguai
España xa coñece os seus primeiros rivais no mundial do vindeiro verán. A selección que dirixe Luis de la Fuente quedou encadrada no grupo H e terá como rivais a Cabo Verde, Arabia Saudita e O Uruguai.
A FIFA ampliou para esta edición o número de seleccións participantes. No torneo, que se vai disputar en Estados Unidos, México e O Canadá, van competir 48 seleccións distribuídas en 12 grupos. Disputaranse 104 partidos en apenas 40 días. Pasarán de rolda os 32 mellores primeiros e segundos, e 8 dos mellores terceiros. As catro primeiras clasificadas do ranking FIFA, isto é, España, Arxentina, Francia e Inglaterra, non poderán cruzarse, polo menos, ata semifinais. O partido inaugural será o México-Suráfrica no mítico Estadio Azteca o 11 de xuño.
Foi un sorteo diferente. Empezou con Andrea Bocelli cantando Nessun Dorma e rematou cos Village People, un dos grupos favoritos de Donald Trump, o presidente dos Estados Unidos, que exerceu de anfitrión do acto celebrado en Washington. Gianni Infantino, presidente da FIFA, cualificou a vindeira copa do mundo como "o maior evento que a humanidade viu e verá".