España permitirá a entrada de menores británicos con PCR aínda sen estaren vacinados
O BOE publica o cambio de criterio logo de que familias británicas cancelasen as viaxes previstas para as próximas semanas

A partir do próximo luns, 14 de febreiro, os menores de dezaoito anos procedentes de países extracomunitarios, entre eles o Reino Unido, poderán entrar en España se presentan unha proba negativa de PCR realizada 72 horas antes da chegada. Non será así necesario que conten coa pauta de vacinación completa.
O Ministerio do Interior publica esta orde este venres no Boletín Oficial do Estado (BOE), despois de que moitas familias británicas cancelasen as viaxes que tiñan previsto facer este mes a España con motivo dunha semana de vacacións escolares no Reino Unido.
A condición da vacinación coa pauta completa para aos maiores de doce anos que se solicita nestes momentos foi a principal causa desas cancelacións. Canarias é un destino moi popular entre as familias británicas durante o descanso escolar de febreiro, que empeza a próxima semana, e os controis complicaban os seus plans de viaxe porque non todos os menores teñen as dúas doses da vacina.
A orde do Ministerio do Interior modifica así os criterios de entrada que rexían ata o de agora pola aplicación da restrición temporal de viaxes non imprescindibles desde terceiros países á Unión Europea debida á pandemia do coronavirus.
Coa modificación da orde, poderán entrar a España persoas que teñan un certificado de vacinación que recoñeza o Ministerio de Sanidade, previa comprobación das autoridades sanitarias. E no caso dos menores de dezaoito anos, os que presenten unha proba de amplificación de ácido nucleico molecular-NAAT (RT-PCR ou similar) do SARS-CoV-2 con resultado negativo realizada 72 horas antes da chegada.