España vai como un foguete en economía?, por Maite Cancelo
España vai como un foguete en economía?, por Maite Cancelo
O artigo publicado por The Economist que recolle unha clasificación económica dos 37 países da OCDE no último ano a partir de 5 indicadores macroeconómicos, sitúa España no primeiro lugar da lista, seguida por outros países mediterráneos.
Isto provocou que o Goberno de España veuse arriba e a nova consigna é que a economía española vai como un foguete, sen valorar todos os indicadores complementarios aos publicados por The Economist o cal, por certo, era un medio hostil para o Goberno de Sánchez non hai tanto, en outubro, cando cuestionaban as políticas do presidente español, xa que, segundo o medio, podían afectar negativamente á estabilidade española.
Pero, á marxe de que o Goberno español non leva ben as críticas e só ve como bos os medios, e economistas, que encomian a súa xestión, aínda que é certo que España está a crecer e, diso alegrámonos todos, só hai que profundar un pouco para ver que imos ben pero lonxe de ser un foguete.
En primeiro lugar, non se está tendo o efecto base. España na pandemia tivo a maior caída do PIB das economías europeas, en parte polo efecto turismo, pero tamén pola propia xestión interna da situación. Iso provoca que a taxa de crecemento sexa maior, xa que partiamos de niveis máis baixos do PIB que os nosos veciños europeos.
De feito, se analizamos o crecemento real do PIB en España, entre os anos 2018 e 2023 en España foi do 4,5 % mentres que en Europa foi do 5,8 %. Por tanto, a herdanza de Sánchez non é tan positiva, perdemos peso no conxunto de Europa e iso é unha realidade.
Outro dos datos esgrimidos para falar da fortaleza da nosa economía, é o aumento das afiliacións á Seguridade Social, que están en máximos, pero se analizamos o dato do paro seguimos sendo os líderes da zona euro, coa 11,3 % fronte ao 6,4 %, segundo o dato do segundo trimestre deste ano publicado por Eurostat.
A inmigración é unha posible explicación deste paradoxo xa que á vez que crecen as afiliacións seguimos cunha taxa de paro que case duplica a europea.
Iso, á súa vez, provoca que o PIB por habitante, que é o que realmente mide a riqueza do país, só creceu nunha media do 0,3 % anual nos últimos cinco anos, o que provocou que esteamos a 13 puntos da media europea a finais do 2023 (16 puntos se nos comparamos coa zona euro) e seguimos afastándonos, a pesar do dato de crecemento do PIB do 2024.
E que ocorre se vemos de onde procede o crecemento? O último dato publicado por Eurostat, correspondente ao terceiro trimestre deste ano foi dun aumento do 0,8 % do PIB, pero a súa fonte principal foi o crecemento do 2,2 % do consumo público, o cal xa supón case o 56 % do crecemento da economía, o que indica o elevado grao de intervención na mesma e un menor tirón de empresas e economías domésticas.
E todo isto sen entrar no grave problema do prezo da vivenda (sinalado como o principal nas últimas enquisas) e que a inflación, aínda que máis controlada, segue impactando no custo da cesta da compra no día a día dos españois
A reflexión final é: En serio, España vai como un foguete?