Publicador de contidos

Publicador de contidos

España remonta contra Romanía (2-1) e métese nos cuartos do Europeo sub-21

España remonta contra Romanía (2-1) e métese nos cuartos do Europeo sub-21

Un golazo de Munteanu no comezo foi case insuperable para a selección, que estragou unha chea de ocasións e mesmo un penalti

A remonta chegou entre o 84 e o 87, cos romaneses en inferioridade

A clasificación é matemática tras a vitoria de Italia sobre Eslovaquia

Foto: @SEFutbol
G24.gal 14/06/2025 19:53

España sufriu o indicible diante de Romanía, que sorprendeu cun gol no inicio e aguantou as acometidas dos de Santi Denia durante todo o encontro. Pero a remonta chegou a tempo, nos últimos dez minutos, e deixa á selección con seis puntos en dúas xornadas e a clasificación matemática para os cuartos de final.

A primeira metade quedou marcada polo gol romanés, que chegou ada máis iniciarse o partido. Marcou Munteanu cun lanzamento afastado que se coou por toda a escuadra de Iturbe. So ían 4 minutos, e a España tocáballe xa remar. Fixérono os xogadores de Santi Denia, e de que xeito. Crearon unha manchea de ocasións, pero axiña quedou claro que non era o día dos seus dianteiros. Primeiro Diego López non atopou portería nun claro remate. Despois, quixo asegurar cando, con toda a portería para el, espetou o balón no corpo de Ilie. Revisouse a acción por un posible penalti, que non foi tal. E, despois, si chegou esa pena máxima. Foi nun agarrón de Ilie sobre Tárrega. Mateo Joseph asumiu a responsabilidade, e lanzou o penalti fóra. Nin desde os once metros foi quen de empatar a selección de Santi Denia. Tampouco Marc Pubil foi quen de marcar, cun remate que bateu no traveseiro. E así, con derrota parcial, chegouse ao descanso.

Na segunda metade mantívose a mesma tónica. España puxo cerco á portería de Sava, pero os seus sucesivos intentos non acababan entre os tres paus. Unha cabezada de Mosquera topou co porteiro, e unha falta de Javi Guerra marchou alta. No minuto 61, Romaná puido peñer terra de por medio. Gozou dunha dobre ocasión clarísima, que acabaron desbaratando entre Tárrega e Iturbe. Mantíñase España no partido, e Javi Guerra volvía rematar a gol, parando sen problemas Sava. O porteiro evitou un novo gol nun globo de Raúl Moro, que tocou e acabou mandando a pelota contra o traveseiro, moi dificultado polo sol. Ao porteiro multiplicábaselle o traballo, e volvía rexeitar outro lanzamento afastado, desta volta de Jauregízar. E, a dez do final, Grameni tiña outra ocasión clarísima para Romanía, pero rematou lixeiramente desviado.

A oito do final, chegou o punto de inflexión do partido: primeiro Blanuta vía o cartón vermello directo por unha dura entrada sobre Mosquera no centro do campo. E, a seguir, Jauregízar por fin conseguía bater a Sava cun remate desde fóra da área que non puido sacar o porteiro. A ofensiva española tivo continuidade no 87, cando Roberto remataba un centro na área pequena para clasificar a España para os cuartos de final a falta da última xornada contra Italia, coa que xogará o primeiro posto do grupo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade