España mete os dous pés no Mundial cunha goleada en Xeorxia (0-4)
Oyarzábal (2), Zubimendi e Ferrán meten virtualmente á selección na vindeira Copa do Mundo
So unha goleada histórica na última xornada impediría o pase
Borja Iglesias disputou os últimos 20 minutos e dispuxo dun par de ocasións claras para marcar
Foto: EFE
España cumriu co seu obxectivo e acadou unha goleada na penúltima xornada de clasificación para o Mundial. Logo do 0-4 en Tiflis, so unha vitoria de Turquía por sete goles na última xornada na Cartuja impediría o pase aos de Luis de la Fuente.
O partido quedou xa sentenciado no descanso, logo dunha saída en tromba dos españois, que resolveron o envite cun 0-3. Volveu acudir Oyarzábal á súa cita co gol, para abrir a conta no minuto 11 de penalti.
Mediado o primeiro tempo, Zubimendi ampliaba a conta, e Ferrán subía o terceiro ao marcador no 34.
Outra vez Oyarzábal, cunha axustada cabezada que bateu no poste, establecía o 0-4 definitivo na segunda metade.
O partido deixou tamén unha nova internacionalidade para Borja Iglesias. O céltico entrou no partido no minuto 70, e gozou de dúas boas ocasións para anotar o quinto do partido, pero non estivo atinado.
Logo da goleada, e tras o 2-0 co que Turquía derrotou a Bulgaria, a diferenza entre as dúas seleccións é de tres puntos, cunha diferenza de goles de +19 para España (que non encaixou ningún gol en toda a fase), e +5 para Turquía. Na última xornada os otomanos deberían recuperar todos eses goles se queren quitarlle o liderado aos de Luis de la Fuente en Sevilla. Así que a clasificación para o Mundial é un feito.
Foto: EFE