España mantén o pleno de vitorias con Corrales como porteiro titular
España mantén o pleno de vitorias con Corrales como porteiro titular
Derrotou a Polonia por 27-23 e encabeza a clasificación da Main Round con seis puntos
A selección española segue firme no seu camiño cara aos cuartos de final do Mundial de balonmán. Tiña un rival difícil no primeiro partido do Main Round, a selección anfitrioa de Polonia, que xogaba todas as súas posibilidades de chegar ás roldas definitivas.
España, co cangués Rodrigo Corrales como porteiro titular, xogou unha primeira metade cunha concentración máxima que lle permitiu ir sempre por diante, con vantaxes curtas pero dominando o ritmo do partido. Chegou a ter un +3 (14-11) e foi ao descanso cun só gol de marxe (16-15).
No segundo tempo a dinámica foi a mesma, con España sempre por diante e cunha Polonia que buscaba á desesperada entrar con opcións nos últimos minutos. A selección española impuxo a súa maior experiencia neste tipo de partidos e acabou levando o triunfo por 27-23.
O vindeiro rival será Eslovenia (venres, 15:30); de gañar, o obxectivo dos cuartos estaría conseguido.