Publicador de contidos

Publicador de contidos

Confirmados varios casos da nova variante ómicron en Europa

Confirmados varios casos da nova variante ómicron en Europa

Confirmados casos da nova variante no Reino Unido e Alemaña

Boris Jonhson recupera as PCR para viaxeiros e as máscaras

G24.gal 27/11/2021 16:40 Última actualización 21:00

O mundo intenta blindarse para tratar de evitar a entrada da nova variante do virus. A ómicron, catalogada como variante de risco, xa chegou a Bélxica, Italia, Alemaña e o Reino Unido. Estados Unidos tamén sospeita que pode ter algún caso. A maioría dos países, incluída España, están endurecendo os controis para a entrada de viaxeiros procedentes de zonas de risco.

Tras Bélxica, que foi o primeiro país europeo en detectar a presenza da nova variante, este sábado as autoridades sanitarias británicas confirmaron dous casos de ómicron. Segundo parece, son dúas persoas que estiveron de viaxe no sur de África. Agora están confinadas nos seus domicilios mentres se investigan os seus contactos.

O primeiro ministro, Boris Johnson compareceu para anunciar máis restricións nas viaxes de países africanos, PCR aos viaxeiros, e tamén a recuperación da máscara no transporte público e nos comercios.

Italia tamén localizou outro caso atribuíble á cepa ómicron nunha proba a unha persoa procedente de Namibia.

Casos sospeitosos

As sospeitas esténdense por toda Europa. En Amsterdam, 61 dos 600 pasaxeiros de dous voos procedentes de Suráfrica deron positivo en coronavirus pero aínda non se sabe se se infectaron coa nova variante. E en Alemaña tamén confirmaron dous casos.

Nos Estados Unidos sospeitan que xa pode haber algún caso aínda que non o detectaran. A gobernadora de Nova York xa declarou o estado de emerxencia pola nova variante.

Medidas en España

España, sen ningún caso detectado polo de agora da variante ómicron, endureceu os controis na entrada de persoas procedentes de varios países africanos e do Reino Unido.

O BOE publicou este sábado dúas disposicións xerais, unha do Ministerio de Sanidade e outra de Interior, que establecen unha serie de requisitos para poder entrar dende o Reino Unido, Irlanda do Norte, Namibia, Botsuana, Esuatini/Suazilandia, Lesoto, Mozambique, Suráfrica e Zimbabue.

Países en risco alto

As persoas procedentes de países en situación de risco alto deberán achegar unha proba diagnóstica de Sars-CoV-2 con resultado negativo, realizada como máximo 72 horas antes da chegada, incluídas as vacinadas e as que pasaron a doenza.

Sanidade xustifica a medida polo temor á expansión da nova variante ómicron detectada en Suráfrica, que "presenta numerosas mutacións relacionadas cun posible aumento na transmisibilidade e na diminución da capacidade de neutralización por parte dos anticorpos".

"Esta nova situación pon de manifesto a necesidade de dispoñer dun mecanismo áxil que permita a adopción de medidas adicionais de control sanitario ás persoas procedentes de países de alto risco por un empeoramento importante da súa situación epidemiolóxica ou nos que se detectaron variantes de especial preocupación", establece a disposición da Dirección Xeral de Saúde Pública.

A listaxe de países en risco e alto risco actualízase cada semana. A que está vixente, ata as 24:00 horas do domingo 28 de novembro, considera de alto risco: Namibia, Botsuana, Suazilandia, Lesoto, Mozambique, Suráfrica e Zimbabue.

Países de risco

No caso de proceder dalgún dos países de risco, requírese o certificado de vacinación, unha proba diagnóstica con resultado negativo ou a confirmación de que se superou a enfermidade. Nesta situación atópanse 27 países europeos ao completo e varias zonas de Italia e Finlandia.

A cidadanía de terceiros países ten restrinxidas, de xeito temporal, as viaxes non esenciais en toda a UE. En España quedan reguladas por unha orde do Ministerio do Interior actualizada tamén este sábado.

Certificado de vacinación

De acordo con ela, a partir do mércores 1 de decembro, España só permitirá a entrada de persoas procedentes do Reino Unido e Irlanda do Norte con certificado de vacinación e non con probas diagnósticas negativas de covid ou de superar a enfermidade como admitía ata o de agora.

A resolución suprime Namibia da listaxe de terceiros países exentos da restrición de viaxe temporal á UE "en vista de que figura entre os países con respecto aos cales os Estados membros consideran pertinente aumentar as precaucións".

Terceiros países non afectados

Polo tanto, a listaxe de terceiros países que non están afectados por estas restricións redúcese a Arxentina, Australia, Barhein, Canadá, Chile, Colombia, Indonesia, Xordania, Kuwait, Nova Zelandia, Perú, Qatar, Ruanda, Arabia Saudita, Corea do Sur, Emiratos Árabes Unidos, Uruguai e China, ademais das rexións de Hong Kong, Macao e Taiwan.

Esta disposición terá efectos ata as 24:00 horas do 31 de decembro.

A estas medidas sumarase o vindeiro martes, cando o aprobe o Consello de Ministros, a restrición dos voos procedentes de Suráfrica e Bostuana como fixeron outros países, aínda que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, apuntou que a lista podería ampliarse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar