España busca unha vitoria diante de Escocia que abra a porta da Eurocopa de 2024
O equipo español perdeu en Glasgow por 2-0 diante do equipo que marcha como líder sólido do grupo de clasificación
Co bo sabor de boca que deixaron as goleadas ante Xeorxia e Chipre a selección española afronta esta semana dúas citas de vital importancia. A primeira, este xoves, contra Escocia. Perderon en Glasgow por 2-0 nun partido en que se proxectou unha sombra negra sobre o equipo español.
España agarda confirmar o seu bo momento diante do equipo que marcha á fronte do grupo con cinco vitorias noutros tantos partidos. De la Fuente ten o equipo definido, máis aló das baixas de Pedri, Asensio ou Dani Olmo. Tamén faltará a sensación do Barcelona, Lamine Yamal, pero estará unha das sorpresas da Liga, Bryan Zaragoza.
O seleccionador volve contar con Oyarzábal e a quen non quere perder de vista é a Jesús Navas. Aos seus 37 anos o lateral do Sevilla seguirá contando coa confianza do adestrador, o xogador que sobrevive dos éxitos de hai máis dunha década.