España busca contra Croacia a Copa das Nacións, un título oficial once anos despois
O galego Joselu pode ser titular na final de Rotterdam
Non é unha Eurocopa nin un Mundial, pero chegados a instancia final, non é cousa de desprezar a Nations League. Un título sempre será un título. “Doulle valor porque quero que estes xogadores gañen o espazo que nos corresponde, que estamos afeitos a elo, e é a miña máxima ilusión”, dixo Luis de la Fuente na previa. Para Rodri, “temos unha nova oportunidade, e sería moi bonito volver conseguir un título. Daríanos unha mentalidade máis gañadora”.
O estado de forma de Rodri será unha das chaves da final contra a Croacia do incombustible Luka Modric. Será un partido distinto á semifinal contra Italia. E Luis de la Fuente podería introducir novidades na aliñación. “Faga o que faga non me han defraudar, porque o nivel é moi alto. Imos darlle unha volta, cando se realizan cambios non se fai por capricho”.
Joselu, nun idilio permanente co gol coa selección, podería ser da partida. De la Fuente confía plenamente no rendemento do dianteiro galego en calquera fase dos partidos. “Joselu é bo no minuto inicial e no 85, dáme moita tranquilidade”
España quere volver gañar un título once anos despois.
O combinado croata é moi competitivo e dá a sensación de que será unha final moi igualada, con lixeiro favoritismo para os croatas, como vaticina Gonzalo García. Recoba leva dous anos como adestrador do Istra croata e sabe do que fala: "Son fisicamente fortes, explosivos, son xente moi potente e sae moito talento, moito xogador de rúa, xente cunha técnica individual moi boa e competitivos. As posibilidades de España pasan por xogar, facer o seu partido. Croacia ten un centro do campo espectacular pero é certo que moitas veces se desordena, cecais por aí podan ir os tiros, é un partido que vai estar igualado, pero se España lle quita a pelota a Croacia, Croacia vai sufrir. Cecais lle dou un chisquiño máis de favorito a Croacia polos últimos torneos, como competiron".