Publicador de contidos

Publicador de contidos

Eslovaquia súmase ao veto do gran ucraíno que comezou en Polonia

Eslovaquia súmase ao veto do gran ucraíno que comezou en Polonia

Bulgaria decidirá este martes se se suma a esta medida

G24.gal 17/04/2023 20:13 Última actualización 17/04/2023 20:39

A decisión polaca de prohibir a importación e o tránsito de produtos agrícolas ucraínos desatou reaccións en fervenza doutros países do Leste.

Polo momento, Eslovaquia sumouse este luns á decisión de Polonia e logo de Hungría, por considerar que o levantamento dos aranceis a Ucraína prexudica os seus produtos nacionais.

E tanto Bulgaria coma Romanía prepáranse para seguir os seus pasos.

A decisión inicial de Polonia fora cualificada xa o domingo de "inaceptable" pola portavoz da Comisión Europea de Asuntos Económicos Arianna Podesta.

O viceministro polaco de Exteriores Pawel Jablonski respondeu este luns afirmando: "Gustaríanos moito que a UE reaccionase igual de rápido cando Polonia, Romanía, Hungría, Eslovaquia e Bulgaria enviaron unha carta á presidenta da CE (Ursula von der Leyen) hai unhas tres semanas pedindo unha intervención urxente".

No medio do cruzamento de críticas, o xefe do goberno polaco Mateusz Morawiecki reuníase este luns coa viceprimeira ministra ucraína Julia Swiridenko en Varsovia, xunto cos seus respectivos ministros de Agricultura o polaco Robert Telus e o ucraíno Mykola Solski.

Hungría

Hungría foi o primeiro en seguir o exemplo polaco e prohibiu ata xuño a importación de produtos agrícolas de Ucraína, ao estimar "grave" o dano que ameaza a agricultura húngara se non se adoptan medidas.

O veto é temporal e o Goberno húngaro, que avoga por que a UE adopte un plan para unha "distribución equilibrada" dos produtos ucraínos, asegura que non afectará o tránsito cara a outros lugares de Europa.

O  prezo actual do trigo húngaro é de 350 euros por tonelada, máis do dobre dos 160 euros que custa a tonelada do ucraíno.

Eslovaquia

Eslovaquia suspendeu este luns esas importacións. O veto afecta a cereais, azucre, sementes, forraxe seca, lúpulo, liño, cánabo, froita e verduras, produtos procesados de froita e vexetais, viño, alcol etílico de orixe agrícola, mel e produtos da abellas. 

Bratislava xa manifestara preocupación polo impacto que estaba a ter a crecente presenza no mercado nacional de produtos ucraínos a prezos considerablemente máis baratos.

Ademais, por razóns sanitarias, a semana pasada, tras detectar trigo ucraíno que non reunía as condicións sanitarias esixidas, prohibiu comerciar e moer o trigo ucraíno.

Con anterioridade, Eslovaquia decretara que se precintasen os contedores de cereal en tránsito, para evitar que acabasen no mercado local.

O Ministerio de Agricultura informou o pasado venres de que planeaba propoñer á UE un mecanismo para facilitar que os cereais ucraínos cheguen a terceiros países sen afectar a oferta dos Vinte e sete.

Bulgaria

O ministro búlgaro de Agricultura Yavor Gechev asegurou que espera recibir este luns información sobre a base xurídica usada por Varsovia e Budapest para vetar a importación deses produtos.

Este martes o asunto será tratado co presidente do país Rumen Radev, polo que é só unha "cuestión de tempo" que Sofía adopte un veto comparable ao de Polonia e Hungría, dixo Gechev.

Bruxelas ofreceu a Bulgaria 16 millóns de euros para compensar eses danos, pero os agricultores do país máis pobre da UE afirman que as perdas directas están ao redor de 400 millóns de euros.

Romanía

Tamén os produtores agrícolas de Romanía esixen prohibir a importación de cereais do país veciño.

A Federación para a Agricultura e a Cooperación (AAC) advertiu de que se a situación non cambia, a maioría dos agricultores romaneses deberán reducir ou suspender as súas exportacións.

Pide por iso vetar a importación e o tránsito dos produtos agrícolas provenientes de Ucraína entre o 15 de xuño de 2023 e o 15 de marzo de 2024.

A federación cualificou de "mísera" a cantidade de dez millóns de euros que a CE dispuxo para compensar as perdas do sector en Romanía.

Os agricultores advertiron de que organizarán protestas en todo o país a partir do 7 de xuño se ata entón non se adoptan medidas que melloren a súa situación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade