Rusia ataca Ucraína con mísiles horas antes de que comecen as negociacións de paz
Lanzou 29 mísiles e 396 drons, provocando importantes danos en infraestruturas enerxéticas
Cidadáns ucraínos refuxiados esta noite nunha estación de metro durante o ataque ruso ( REUTERS/Alina Smutko)
O Exército ruso lanzou contra rexións de toda Ucraína un novo ataque masivo cun número maior do habitual de mísiles e tamén con drons, segundo informa na súa canle de Telegram a Forza Aérea ucraína, que fai un seguimento en tempo real do movemento dos proxectís. Foron en total 29 mísiles e 396 drons. Algúns deles impactaron en infraestruturas enerxéticas de Odesa.
Este bombardeo -de cuxa posibilidade advertira na véspera o presidente Volodímir Zelenski citando información da súa intelixencia- prodúcese unhas horas antes de que negociadores de Kiev, Moscova e Washington empecen na cidade suíza de Xenebra a terceira rolda dos contactos trilaterales que abriron este ano para buscar unha saída negociada á guerra.
Segundo as informacións da Forza Aérea ucraína, os mísiles utilizados por Rusia son fundamentalmente de cruceiro e van dirixidos contra rexións do norte, o centro, o sur e o oeste de Ucraína.
En paralelo, os rusos lanzaron tamén varios enxames de drons.
Rusia xa atacou onte á noite a cidade de Odesa, onde provocou danos nunha infraestrutura non especificada polas autoridades rexionais e nun edificio civil e feriu a dúas persoas.
As autoridades ucraínas non informaron aínda das consecuencias do ataque masivo con mísiles e drons de hoxe, que empezou de madrugada e prolóngase ata as primeiras horas da mañá.