Crecen os concellos galegos que toman medidas para aforrar auga
Desde Lugo ata Tui, a conca do Miño presenta un dos caudais máis baixos por esta época. A media é dun 45 % por debaixo do habitual, pero hai zonas, coma esta da Arnoia, onde o descenso do caudal chega ao 85 %.
Rodrigo Aparicio, alcalde da Arnoia: "Sorpréndeme a pouca auga que trae este ano. Esaxerado. Pero non hai perda nos depósitos nin nas captacións".
Con descensos superiores ao 50 % están tamén o Miño en Lugo, o Tea en Ponteareas, o Limia en Xinzo ou o Avia en Ribadavia.
Aínda que no conxunto do ano a chuvia foi máis abundante do habitual, o problema é que se concentraron en poucos meses, durante o inverno, e imos para seis meses de chuvia escasa.
Carlos Ruiz del Portal, xefe de Planificación Hidrolóxica da CHMS: "Febreiro foi o máis húmido da serie histórica, pero a partir de aí, marzo pasou de 300 a 25 litros por metro cadrado, abril igual...".
A escaseza de auga levou á Confederación Hidrográfica a declarar a prealerta, para que os concellos da demarcación, 153 en total, adopten medidas de aforro.
"Fomentar a concienciación, a vixilancia e o aforro", explica Ruiz del Portal.
O Miño, ao seu paso por Ourense, e o río Cabe en Monforte, son os únicos de toda a conca que están por riba do habitual. Os encoros mantéñense tamén ao 70 %.