Publicador de contidos

Publicador de contidos

ERC e Bildu non apoiarán a reforma laboral que aprobou este martes o Goberno

ERC e Bildu non apoiarán a reforma laboral que aprobou este martes o Goberno

O texto acordado con sindicatos e patronal publicarase este mércores no BOE

Yolanda Díaz, disposta a negociar pero pide que respecte o acordo cos axentes sociais

Arnaldo Otegi valora o acordo da reforma laboral. (EFE/Javier Etxezarreta)
G24.gal 28/12/2021 14:48

Este mércores entra en vigor a reforma laboral que o Goberno pactou con sindicatos e patronal e que, en palabras da vicepresidenta Yolanda Díaz, "pasa páxina á precariedade no noso país".

Pero ese decreto lei terá que pasar nun mes polo Congreso dos Deputados, e os socios habituais do Goberno xa ameazan con tombalo. O voceiro de ERC no Congreso asegurou hoxe que o seu grupo está nun "non bastante claro". Para Gabriel Rufián, "empezaron a casa polo tellado, dedicaron moitas horas a negociar coa patronal e cero horas a negociar con ERC".

En termos semellantes pronunciouse tamén a voceira de EH Bildu. Mertxe Aizpurua avisa de que "se queda como está, non contará co noso apoio".

A ministra de Traballo di que van negociar cos socios, pero adianta a súa posición. "A vocación é manter este texto. É un acordo de país e, en principio, deberiamos de respectalo", asegurou Yolanda Díaz na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Sen o apoio dos socios complícaselle o panorama ao Goberno porque xa amosaron a súa oposición Ciudadanos e o PP. A voceira popular Cuca Gamarra asegura que non van apoiar "algo que é negativo para España e para a nosa economía".

Tamén mete presión a patronal. Ameaza con descolgarse do pacto se hai cambios da reforma no Congreso. O presidente de ATA, Lorenzo Amor, afirmou hoxe que non están dispostos "a que se toque nin unha soa coma deste acordo".

Tamén os sindicatos defenden o texto pactado. Para Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, "é un paso importante, seguro que non suficiente, quedan cousas por facer pero o reformado vai na boa dirección".

Tras a reforma laboral, sindicatos e patronal volverán sentar co Goberno para negociar unha nova suba do salario mínimo interprofesional. Mentres non se chegue a acordo, prorrógase a contía actual de 965 euros ao mes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade