Publicador de contidos

Publicador de contidos

Francisco Peleteiro: "O Prestige acelerou as medidas de seguridade marítima"

Francisco Peleteiro: "O Prestige acelerou as medidas de seguridade marítima"

O avogado experto en Dereito Marítimo sostén que unha catástrofe similar hoxe en día tería consecuencias diferentes

Asegura que os servizos de Salvamento e Gardacostas contan con máis medios e maior coordinación
 

G24.gal 13/11/2022 12:42 Última actualización 13/11/2022 14:35

O avogado experto en Dereito Marítimo, Francisco Peleteiro Gallego, ten claro que vinte anos despois da catástrofe do Prestige "mellorou moito" o nivel de seguridade marítima. 

Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, asegura que ante un sinistro destas características o importante é "limitar as consecuencias" ao máximo posible e que, nestes momentos, "estamos moito mellor preparados".

Segundo o letrado, o accidente do Erika fronte á costa francesa, ocorrido en 1999, "marcou un fito dende o punto de vista xurídico en canto á seguridade marítima", pero, cando ocorreu a traxedia en Galicia, aínda non dera tempo de "poñer en práctica toda as medidas acordadas".

Peleteiro considera que o caso do Prestige acelerou o desenvolvemento de certas medidas, como o dobre casco dos buques que transportan mercadorías perigosas ou o dispositivo de separación do tráfico marítimo que hoxe está máis lonxe do litoral galego.

"Fronte á costa galega temos un dos pasos máis importantes do mundo en tráfico marítimo (...), hai unha especie de autoestrada marítima con carril de subida e carril de baixada para evitar accidentes e están máis afastados da costa".

Subliña que os portos españois están máis preparados para facer fronte á contaminación e que a Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo e os Gardacostas de Galicia contan cuns medios e uns remolcadores de altura que hai vinte anos non tiñan.

"Construíronse dous portos exteriores, (Ferrol e A Coruña), que están afastados dos centros de poboación e poderían servir de refuxio dun barco nunha situación complicada".

Pero ademais dos medios, o experto salienta a necesidade de dispor do mellor persoal profesional e que traballe en coordinación.

"O importante é que haxa técnicos e que as decisións que se tomen sexan respaldadas sempre por técnicos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade