Entran roubar nun campo de fútbol en Pontevedra e levan un botín de larpeiradas, cervexas e refrescos
Entran roubar nun campo de fútbol en Pontevedra e levan un botín de larpeiradas, cervexas e refrescos
Arrasaron a cantina do campo de fútbol do Marcón Atlético, que pide axuda nas redes sociais para tentar dar cos autores
Susto e desgusto no Marcón Atlético: entraron roubarlles no campo de fútbol, na mesma parroquia pontevedresa de Marcón. Descubriron a desfeita cando chegaron para adestrarse e viron que a fechadura do campo estaba rebentada. Ao entrar, había un rastro ben particular dende a cantina ata a porta.
"Deixaron un rastro de lambetadas polo chan", conta o coordinador do club, Amador Cabaleiro. Di que, con esa estampa, xa temeu "o peor". "Logo xa vin a porta do almacén rebentada, a da cantina tamén e a desfeita que había dentro", relata.
Cren que viñan buscando cartos, porque remexeron ata o último bote que atoparon. Foi en balde, así que levaron o que había.
"Levaron un bote de propinas cuns 45 ou 50 euros e, como non atoparon cartos, foi cando levaron as larpeiradas, refrescos, cervexas, leite, doces..., todo o que había aquí para vender", explica Amador.
Cargaron todo no carriño da propia cantina para levalo comodamente ata o coche. E aínda tiveron tempo de tomarlle algo. "Fixeron unha pausa e aínda tomaron uns zumes, que quedaron aquí botes abertos", di Amador. Explica que, grazas a iso, a policía científica puido recoller "mostras de ADN e pegadas".
Cren que tiveron que ser varias persoas e que coñecían as instalacións, porque colleron as ferramentas no almacén do campo. Con elas rebentaron a parte superior da porta da cantina para levantar unha tranca que ten por dentro, así que sabían por onde andaban.
Entre a mercadoría e as catro portas que desfixeron, calculan que os danos poden ascender aos 4.000 euros. Dende o club piden axuda por se alguén tivese pistas.
"Ao levar, por exemplo, lambetadas en bolsas ou paquetes de refrescos sen empezar, igual tentan vendelos por aí", di Amador. Así que decidiron difundir o asalto nas redes sociais do club "para ver se conseguimos sacar algunha pista", engade.
De momento, nin testemuñas nin pistas. Teñen denuncia interposta polos feitos, e van instalar cámaras no recinto para disuadir os cacos de repetir o ataque.