Publicador de contidos
Publicador de contidos

Entra unha borrasca en Galicia con chuvias ata mediados da semana

Entra unha borrasca en Galicia con chuvias ata mediados da semana

As precipitacións estenderanse desde o oeste

As previsións indican que o furacán Danielle non se vai sentir en Galicia

G24.gal 04/09/2022 13:05

O outono astronómico non comeza ata o día 23 pero o meteorolóxico xa comezou o xoves pasado. E os primeiros cambios xa se fan notar. Este domingo entra unha borrasca desde o norte que trae unha fronte fría activa, anuncia Meteogalicia.

Chegan as ansiadas chuvieiras. O día comezou con alternancia de chuvias e ceos despexados na metade leste, pero cubertos no oeste, con algo de chuvias sobre todo na costa.

Está activado un aviso amarelo por fenómenos costeiros no litoral coruñés e nas Rías Baixas. As chuvias intensificaranse cara ao final do día, pero o vento e as ondas xa se fan notar arestora. Vai ser unha semana pasada por auga. Poderían caer máis de 100 litros por metro cadrado desde hoxe ata o vindeiro domingo, segundo apuntan algúns modelos de predición meteorolóxica.

As temperaturas mínimas experimentan este domingo un ascenso moderado, mentres que as máximas manteranse sen cambios significativos.

As baixas presións marcan o comezo da semana, xa que o luns agárdase unha xornada con precipitacións máis persistentes no sur. No norte alternarán os ceos con nubes e despexados. As temperaturas seguirán en valores de verán, xa que a máxima máis baixa serán en Santiago con 21 graos e a máxima en Ourense con 26.

Todo indica que Galicia non vai percibir os efectos de Danielle, o primeiro furacán da tempada ciclónica na costa atlántica, que se mantén "case estacionario" en augas abertas do Atlántico con ventos máximos de 120 km/h. Non representa perigo para terra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade