Enfermeiros e fisioterapeutas denuncian o abandono da Atención Primaria
Os traballadores protestan ante as portas dos centros de saúde e esixen máis recursos
Enfermeiros e fisioterapeutas de centros de saúde de toda España denuncian a deterioración e o abandono que sofre a Atención Primaria.
Protagonizaron este xoves diversas manifestacións en varias capitais, onde esixiron medidas que melloren a atención que se lles presta aos pacientes.
En Galicia os participantes nesas protestas pedíronlle á Xunta que destine máis recursos á Atención Primaria.
Con pancartas en que se podía ler 'Salvemos a Atención Primaria', os traballadores convocados polo Sindicato de Enfermería, SATSE, mostraron o seu malestar pola "crónica escaseza" de medios que teñen que xestionar para facer fronte a unha realidade asistencial cada máis tensionada e sobrecargada.
“Non nos deixaron outra alternativa que saír á rúa e protestar publicamente para defender á nosa sanidade e aos nosos pacientes. Sentimos rabia e impotencia ao ver o pouco que lles importamos”, dixo un dos traballadores nun comunicado remitido polo sindicato.
As concentracións serviron para denunciar a saturación que sofren os centros de saúde de Galicia, as esperas que os cidadáns padecen para ser atendidos de maneira presencial, o pouco tempo de que dispoñen os profesionais para atender e coidar como se merece a cada persoa ou a supresión paulatina de programas de prevención e promoción da saúde, así como de hábitos de vida saudable.
“Atopámonos nunha situación crítica nos centros de saúde, nos que unha enfermeira ou enfermeiro ten ata 2.500 persoas asignadas, mentres que en moitos deles non hai nin un só fisioterapeuta. Como queren que con estas condicións ofrezamos unha atención sanitaria e uns coidados seguros e de calidade?”, sinalaron.
Así mesmo, os profesionais subliñaron que se atopan exhaustos tras dous anos de loita contra a pandemia, o que afectou á súa saúde física, psicolóxica e emocional; un cansazo ao que se une a frustración de ver como, unha vez superado o peor da pandemia, gobernos e partidos políticos seguen sen priorizar a sanidade pública, á que non destinan recursos nin medios suficientes.
A celebración de concentracións nos centros de saúde de Galicia supuxo o inicio da nova estratexia de accións reivindicativas e mobilizacións que o Sindicato de Enfermería, SATSE, vai impulsar ao longo de 2022 para denunciar a grave deterioración do noso sistema sanitario e reclamar melloras nas condicións profesionais e laborais das enfermeiras, enfermeiros e fisioterapeutas de todo o Estado.