Encarcerado o presunto autor de varios roubos en Santiago nas últimas semanas
A policía detívoo en flagrante cando pretendía pagar cunha tarxeta roubada
Foron preto de vinte accións delituosas en tres semanas en coches, negocios e vivendas situadas en varias zonas de Santiago as que, supostamente, engadiu ao seu xa amplo historial na policía un home detido na allada.
A súa última andaina contra o patrimonio alleo empezouna a tarde de Noitevella. A policía colleuno cando pretendía pagar coa tarxeta de crédito que acababa de conseguir nun dos seus varios roubos: "Concretamente, doce roubos en vehículos, catro roubos en establecementos, furto e estafa. Grazas ao reforzamento policial na rúa e tamén á colaboración cidadá realizouse unha primeira detención desta persoa en flagrante cando intentaba pagar un teléfono de alta gama", relata César Ramos, inspector e voceiro do CNP.
O home quería pagalo cunha tarxeta que xa utilizara de xeito fraudulento en compras por valor de mil euros. A policía tamén sorprendeu o individuo en cuestión manipulando no interior dun coche. Polo visto, o seu obxectivo de botín era diverso en produtos de venda doada: "Ordenadores persoais, lentes de sol, documentación e tarxetas de crédito coas que poder realizar pagamentos. Grazas a esa rápida detención en flagrante na maioría dos casos puidéronse recuperar todos os obxectos subtraídos", explica o inspector Ramos.
Entre o non recuperado está case todo o que levou deste albergue o día 31 e que o seu propietario valora nuns 800 euros. A operación desenvolvida por axentes da local e da policía nacional acabou este luns co detido preso por orde xudicial.