Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Xunqueira de Espadanedo manteñen a tradición de levar os carros ás portas da igrexa no Domingo de Resurrección

En Xunqueira de Espadanedo manteñen a tradición de levar os carros ás portas da igrexa no Domingo de Resurrección

G24.gal 09/04/2023 18:41 Última actualización 09/04/2023 19:08

En Xunqueira de Espadanedo non queren deixar morrer unha das súas tradicións máis arraigadas: o sábado longo. A noite, din, máis longa do ano, na que os carros cambian de lugar para apareceren á entrada da igrexa o Domingo de Resurrección. A festa, salvo en contadas ocasións, nunca deixou de celebrarse e sempre consegue sacarlles un sorriso aos seus veciños.

Conciliar o sono en Xunqueira de Espadanedo non foi cousa sinxela onte á noite. Son os mesmos carros que hoxe lucían deste xeito na entrada da igrexa do mosteiro.

"Divertímonos todos e pasámolo ben e polo menos intentamos que non se perdan as tradicións, que é do que se trata."

En plena noite, como manda a tradición, un grupo de veciños percorreu varios lugares da parroquia na procura dos vellos carros de madeira.  Coma sempre foi tal día coma hoxe.

"Era ir 'roubar' os carros e traelos ao sagrado. Toda a xente ao pasar por baixo tiña que lles dar unha moeda, se non non podían entrar na misa", Eeplica María Alonso, presidenta da asociación cultural Os Xuncos.

Despois cada quen debía recuperar o seu, por iso moitos eran reticentes a deixar que os levasen, malia que non servía de moito.

"Atrancaban as portas, a algún entrábanlle polo tellado, por riba das portas ou como podían, para coller o carro e traelo."

Daquela só podían participar no sábado longo os mozos solteiros, agora fano homes e mulleres sen importar a idade. Hoxe é un día cheo de lembranzas para os maiores.

"Recordan a época na que se traballaba cos carros sobre todo cando cantaban. Tráelles recordos dende a infancia ata agora, entón son os que máis agradecen a tradición", apunta Carlos Gómez, alcalde de Xunqueira de Espadanedo.

As verzas son tamén das hortas dos veciños pero aquí podía aparecer a roupa tendida ou as cadeiras de diante da casa. Todo eran trasnadas, din os maiores. Unha longa noite de festa que agora loitan por manter e ser quen de transmitir ás xeracións máis novas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade