Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Maside levan meses agardando polo arranxo de dúas fochancas de grandes dimensións

En Maside levan meses agardando polo arranxo de dúas fochancas de grandes dimensións

A rúa leva meses pechada a vehículos, os peóns non poden pasar e fíltrase auga ao almacén dun veciño

G24.gal 05/09/2023 14:36

Este é o aspecto que presenta esta rúa de Maside dende o pasado un de xaneiro. Daquela as fortes chuvias e o desbordamento do río Carrás provocaron estas dúas fochancas. Co paso dos meses foron cada vez a máis, agora ocupan xa varios metros. 

"Cada vez que chove isto vai cedendo máis, os buratos vanse facendo máis grandes, aparte hai unha greta que empeza case dende o principio do leito do río que atravesa todo o camiño case ata a rúa que sobe. Estase vencendo porque ademais hai zonas onde se ven charcos de auga. Chegará un momento que como siga chovendo e imos camiño do inverno, isto vai ir abaixo por completo", explica Pura Otero, empregada da empresa de construción.

Ademais de que a rúa leva meses cortada, a auga fíltrase por baixo e vai parar ao almacén do seu negocio de materiais de construción. Contan que mesmo precisan utilizar bombas para achicala, ás veces durante 24 horas ao día.

"Por exemplo, eu cheguei este luns e estaba todo anegado, polo menos vinte centímetros de auga. Acendín a outra bomba e quitei a auga, pero con mercadoría estragada e temos que subir a mercadoría o mellor medio metro en palés e é un trastorno totalmente", conta Javier Pérez, un dos encargados da empresa. 

Eles son os máis prexudicados, pero non os únicos. Ademais de que a rúa leva meses pechada a vehículos e peóns, apenas queda oco xa para entrar nesta leira pegada a unha das fochancas. Aquí ten José os seus cans, e este é o único acceso.

"Quedan cincuenta centímetros para pasar, se cae outro anaco xa non vou dar pasado. A ver que solución dan, esperaremos a ver se cae outro anaco de muro e se volve anegar todo porque debe de ser a única solución que nos queda".

Trátase dunha vía pública de titularidade municipal situada a apenas uns metros do acceso a AG-53. Dende o Concello de Maside apuntan que conseguiron unha subvención da Deputación de Ourense para o seu arranxo e que están á espera dun informe técnico da Confederación Hidrográfica para poder executar as obras. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar