Publicador de contidos

Publicador de contidos

En liberdade o veciño de Vilanova que ameazou outro cunha machada

En liberdade o veciño de Vilanova que ameazou outro cunha machada

Levan anos denunciando este home por numerosos altercados, incluído acoso a menores

Piden unha orde de afastamento ou o internamento do seu veciño, que ten unha enfermidade mental

G24.gal 15/05/2025 14:52

Final dun momento tenso, un máis dos que levan padecendo anos. 

"Ameazou a miña parella cunha machada. Veuno vir polo camiño coa machada berrando que lle ía cortar a cabeza. Para evitar problemas, meteuse no portal", explica a parella do home ameazado.

Viven un auténtico pesadelo dende hai quince anos. O historial deste home é tan extenso como variado, e aínda así é a primeira vez que o levan preso. 

"Vino agredir a uns rapaces cunha escoba, berros ás tres da mañá, golpes nas portas, apagar o ascensor para que non poidamos subir, vino esperando no oco do garaxe, persegue ás mulleres, míraas mal, dá voltas arredor delas coa bicicleta, acosa nenas, ...", explica unha das afectadas.

"A amigas miñas tenas perseguido, molestado, acosado", corrobora outro mozo.

"Había numerosas incidencias. O certo é que se lle pasou ao xulgado no 2024 un resumo de todas as incidencias porque algunhas podían atentar contra a liberdade das persoas. E agora, con motivo desta detención, volveuse a remitir un oficio ao xulgado dicindo que se solicitan medidas cautelares", confirma José Luis Maquía, Oficial da Policía Local de Vilanova.

A calma durou só unhas horas, porque, malia os informes da Garda Civil e da Policía Local, o detido volve estar en liberdade. 

"Nin a orde de afastamento de nós nin o internamento. Dixeron que non porque a ameaza de cortarche a cabeza é unha ameaza leve", lamenta esta muller. 

A situación empeorou nos últimos anos, dende que morreu a nai. Quedou baixo a tutela de Funga, pero vive só. Aos seus 45 anos, é agresor e vítima a un tempo.  

"Todos os veciños somos malos. Todos temos a culpa de que a nai morreu".

"Fixemos de todo. O día que pase algo, ninguén vai poder dicir que non o sabían".

Temen o peor e poñen o foco na xustiza, agradecidos ás forzas de seguridade e ao propio Concello, que convocou a Xunta de Seguridade Local, aínda que con pouca marxe de manobra. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade