Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen un home que intentou violar en Malpica unha muller á que ameazou cun coitelo

Deteñen un home que intentou violar en Malpica unha muller á que ameazou cun coitelo

A muller explicoulles aos axentes que a contratara para realizar labores de limpeza no fogar

O home, que ten 70 anos e conta con antecedentes por delitos contra a liberdade sexual, quedou en liberdade con cargos

G24.gal 13/05/2025 09:35 Última actualización 13/05/2025 10:15

Axentes da Garda Civil de Carballo detiveron un home por intentar violar e ameazar cun coitelo unha muller. Os feitos ocorreron en Malpica. A Garda Civil de Carballo prendeuno o domingo. Foi pouco despois de recibir o aviso dun particular, que dixo que acababa de recoller unha muller que corría escapando dun home armado cun coitelo.

Ela explicoulles aos axentes que a contratara para realizar labores de limpeza no fogar. Díxolles que ao chegar á casa se lle botou enriba coa intención de manter relacións sexuais; ela negouse, e el tentou retela, pero conseguiu zafarse e escapou. O presunto agresor saíu atrás dela.

Segundo o particular que a recolleu, que ía conducindo unha furgoneta, viuna pedindo auxilio mentres un home a perseguía armado cun coitelo de cociña de grandes dimensións. Parou e socorreuna, mentres el marchaba do lugar.

As patrullas mobilizadas detivérono. Ten 70 anos e conta con antecedentes por delitos contra a liberdade sexual. O detido pasou onte a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº3 de Carballo, que é o que estaba de garda. A xuíza decretou a súa posta en liberdade e impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima. Está investigado por lesións, ameazas e agresión sexual en grao de tentativa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade