En liberdade o home detido por reter encadeada e golpear unha muller en Miranda de Ebro
O detido xa estivera no carcere por raptar e abusar dunha nena
Atada cunha cadea de mans a pescozo. Así chegou unha muller ao hospital de Miranda de Ebro, en Burgos.
Contou que acababa de fuxir pola ventá dunha casa, onde un descoñecido a golpeara e a mantiña retida. Tiña lesións na cara dos golpes, dixo, que lle dera o seu captor.
Relatou á policía que non se coñecían, que o home ofrecérase nese mesmo hospital a levala ao centro. Gañou a súa confianza e a medio camiño parou na casa a coller algo e ela acompañouno. Xa no interior da vivenda comezou a golpeala tan forte, di, que perdeu o coñecemento.
Cando espertou estaba atada coa cadea. Conta que o home intentaba asfixiala, seguía pegándolle e insultándoa. E que aproveitou un descoido do agresor para fuxir pola ventá.
Hai un detido, que o xuíz acordou deixar en liberdade coa obriga de comparecer cantas veces sexa requirido. Acusado por detención ilegal, a cualificación podería variar segundo avance a investigación. A muller non pediu medidas cautelares.
O detido xa estivo no cárcere por raptar e abusar dunha nena de nove anos en 2015.