Buscan os asaltantes dunha vivenda de Vigo que agrediron a parella que vive nela
A Policía mantén unha investigación aberta e non descarta ningunha hipótese
A parella agredida precisou asistencia médica
Sucedeu nunha vivenda da parroquia de Beade. A parella que reside nela regresaba á casa e dous individuos agochados no xardín abalanzáronse sobre eles cando ían entrar. Os veciños decatáronse de que algo acontecía porque escoitaron berros.
A peor parte levouna o varón. Os asaltantes tentaron que perdera a consciencia mediante unha técnica de artes marciais no pescozo. A vítima resistiuse, pero propináronlle unha malleira. Segundo os veciños, tiña golpes e a cara ensanguentada.
Á muller arrastrárona polo chan. Levaron o seu bolso con documentación e cartos. Os dous precisaron asistencia médica. Ao parecer, os asaltantes levaban un casco e un pasamontañas, pero non hai confirmación oficial.
Os veciños aseguran que fuxiron coa cara ao descuberto nun coche aparcado nas inmediacións. A Policía mantén aberta unha investigación, busca os asaltantes e non descarta ningunha hipótese.