Deteñen dous irmáns no Grove por agredir, roubar e ameazar un amigo
Os feitos rexistráronse o pasado 13 de outubro, e as autoridades decatáronse despois de que a vítima acudira ao centro de saúde da localidade para ser atendido das súas feridas
A el investígano como autor dos delitos de roubo con violencia, lesións graves por agresión, ameazas graves con armas de aire comprimido e apropiación indebida de vehículo, e a súa irmá, como coautora dun delito de roubo con violencia

A Garda Civil detivo dous irmáns do Grove, un home de 40 anos e unha muller de 43, aos que acusan de roubar, agredir e ameazar un amigo cunha arma de aire comprimido. Os feitos rexistráronse o pasado 13 de outubro e as autoridades decatáronse despois de que a vítima acudise ao centro de saúde da localidade para ser atendido das súas feridas.
Alí, explicou aos axentes que acudiron tras a chamada dos responsables sanitarios de que fora agredido e interpuxo unha denuncia contra un dos irmáns -o home- que, segundo o seu relato, tamén o ameazaba e roubáralle o seu coche. Foi despois de que o mozo acudira á vivenda da súa amiga, convidado por esta. Alí, o seu agresor, que dixo ser o irmán da moza, sen mediar palabra, agrediuno brutalmente. Ademais, ameazouno cunha arma pedíndolle que fosen a un caixeiro e que lle dese todo o diñeiro que tiña, momento en que a muller lle subtraeu o diñeiro que levaba na súa carteira.
O agresor utilizou o vehículo da vítima para desprazarse co mozo ata o caixeiro, momento en que a vítima tentou fuxir. Foi interceptado novamente por el, quen lle tirou ao chan e deulle diversas patadas e puñadas por todo o corpo ata que, malferido, o mozo conseguiu levantarse e escapar, deixando alí o seu vehículo e as chaves que tiña o seu agresor.
A Garda Civil arrestou os dous irmáns, ambos con antecedentes policiais. A el investígano como autor dos delitos de roubo con violencia, lesións graves por agresión, ameazas graves con armas de aire comprimido e apropiación indebida de vehículo, e a súa irmá, como coautora dun delito de roubo con violencia.
A muller quedou libre en dependencias policiais e o seu irmán foi posto a disposición xudicial no xulgado de garda de Cambados, que decretou liberdade con cargos para ambos.