Dez mortos, entre eles tres nenos, ao caer unha avioneta no centro de México
A Fiscalía investiga as causas polas que o aparello caeu preto do aeroporto internacional de Toluca tras intentar facer unha aterraxe de emerxencia nun campo de fútbol
Na avioneta viaxaban oito pasaxeiros e dous tripulantes, catro mulleres e seis homes. Engalara de Acaculpo e dirixíase á cidade de Toluca. Cando levaba media hora no aire e estaba chegando a destino, caeu no municipio de San Pedro Totoltepec, a uns 50 quilómetros da cidade de México. Minutos antes da colisión, un dos pilotos informaba á torre de control de que caían:
— Ida ao aire Papa Romeo Óscar.
— Recibido Papa Romeo Óscar, confirma intencións?
— Estamos caendo, Papa Romeo Óscar".
A nave esnafrouse contra unha adega industrial que afortunadamente estaba baleira e provocou un grande incendio que xerou unha inmensa columna de fume negro. A adega almacenaba tanques de combustible e gas, polo que se evacuaron 130 persoas por seguridade.
As autoridades informaron de que antes de precipitarse a avioneta intentara realizar unha aterraxe de emerxencia nun campo de fútbol, pero non o logrou. Das dez vítimas mortais, tres eran nenos de entre 2 e 9 anos.
A Fiscalía Federal xa abriu unha investigación para determinar as causas do accidente.