Os coches engordan medio centímetro ao ano e a autobesidade complica aparcar
Os vehículos máis grandes teñen problemas para entrar en determinadas prazas
As vendas de turismos tipo SUV multiplicáronse por catro en España
As normas esixen que os novos garaxes teñan máis espazo para estacionar
Máis longos, máis altos e máis gordos. Máis gordos, si. O tamaño medio dos coches leva décadas aumentando, sobre todo en Europa e en América do Norte.
A xente quere vehículos máis grandes porque son máis cómodos e pola sensación de que son máis seguros, algo que tampouco é exactamente así. Pero a realidade é que son os que máis se compran.
A venda de turismos tipo SUV multiplicouse por catro en España e xa representan o sesenta por cento do mercado. Unha das consecuencias é que precisan máis espazo. Así, as normas urbanísticas esixen que as prazas de garaxe novas se debuxen tamén máis grandes.
"Si, si. Por exemplo nesta promoción temos prazas de cinco metros en adiante, e máis", explica Álvaro Visier, arquitecto e promotor inmobiliario no garaxe do edificio que a súa empresa acaba de construír na praza de España de Vigo.
O ancho dos coches en España aumenta medio centímetro cada ano e xa está, de media, nos 180 centímetros. Nalgúns aparcadoiros os vehículos máis grandes teñen problemas para manobrar e para entrar nas prazas, deseñadas coas medidas de hai trinta ou corenta anos. E aparcar é, segundo as enquisas, a situación que lles provoca máis tensión aos condutores nas cidades.
"Miro moito en que aparcadoiro vou aparcar porque che limita moito á hora de deixar o coche grande", recoñece un condutor en Vigo. "Se aparco aquí, non podo saír, pola columna. As prazas son moi estreitas para os coches que son", engade outro. "Dáme medo non poder saír ou que o que teña que saír do lado, ao abrir a porta, me golpee, porque teño marcas que me fixeron ao abrir as portas", revela un home mentres sinala os danos no seu coche. "Algunha vez ter que deixar o coche sen o freo de man e empurralo", conta un condutor máis.
Ademais, os coches máis grandes ocupan máis espazo público. Varios estudos coinciden en que lles quitan sitio ou lles complican a mobilidade a outros usuarios da vía, dende bicicletas e autobuses. E así hai países que decidiron que os coches máis grandes paguen máis impostos. En España esa idea xa se puxo sobre a mesa.