Detido un falso fisioterapeuta por agresións sexuais a mulleres ás que coaccionaba
O home anunciaba os seus servizos de fisioterapia, para os que non posuía titulación, a través de plataformas dixitais e redes sociais
Forzaba as mulleres a manter relacións baixo ameaza de difundir fotos íntimas a familiares ou coñecidos
Imaxe de arquivo dun vehículo da Garda Civil
Un veciño de Isla Mayor (Sevilla) foi detido por delitos de agresión sexual, vulneración da intimidade e intrusismo profesional tras facerse pasar por masaxista e fisioterapeuta para contactar con mulleres e logo coaccionalas para manter relacións baixo ameazas de difundir as súas fotos íntimas.
Segundo informou este martes a Garda Civil nun comunicado, o autor efectuaba tocamentos ás súas vítimas sen consentimento e, mediante engano, facía fotografías "comprometidas" para posteriormente difundilas a terceiros. Tamén as forzaba a manter relacións baixo a ameaza de difusión ou revelación das imaxes a familiares ou coñecidos.
O home facíase pasar por fisioterapeuta sen contar coa titulación que o habilita para exercer esta profesión. Ofrecía os seus servizos a través de plataformas dixitais e redes sociais como masaxista e fisioterapeuta profesional e facía masaxes e tratamentos terapéuticos sen titulación ou acreditación a mulleres.
Este falso masaxista difundiría polo menos en dúas ocasións a terceiras persoas fotografas de carácter íntimo sen consentimento das vítimas. Tras o rexistro no seu domicilio comisouse material informático e telefonía móbil que se están analizando.
Ata o momento, tense coñecemento de dúas vítimas afectadas, aínda que non se descarta que existan máis afectadas por estes mesmos feitos.