Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia toma medidas para rematar coas agresións a sanitarios

Galicia toma medidas para rematar coas agresións a sanitarios

Este venres publica o anteproxecto da reforma da lei de saúde, que prevé ter aprobado en setembro

Inclúe sancións de ata 15.000 euros, o cambio de centro de saúde do agresor e protexerá os sanitarios mesmo fóra do seu lugar de traballo

Será a primeira comunidade que sancione tamén as agresións a técnicos de emerxencias e do 061

Os técnicos de emexencias e persoal de ambulancias pasarán a estar protexidos pola lei de saúde
G24.gal 02/05/2025 14:03

O ano pasado duplicáronse as agresións a sanitarios en Galicia. Presentáronse 32 denuncias, pero a realidade é que houbo moitas máis. Son agresións verbais, pero tamén físicas. E moitas veces de especial gravidade. Os agresores non distinguen entre profesionais e moitos teñen medo a denunciar, moitas veces por temor a ser recoñecidos fora do seu posto de traballo, recoñece, María José Menor, a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense.

A Xunta está decidida a acabar coa impunidade. E por primeira vez incluirá ao persoal de emerxencias e transporte sanitario. Este colectivo reclama que as forzas de seguridade poidan acompañalos nas ambulancias pero esa é unha medida de implantación complexa.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, comprometeuse a estudar alternativas a esa posibilidade por que "a día de hoxe non é unha decisión que  poida tomar a Xunta", aclara.

Sanidade si tomará outras, como facerlles pagar aos agresores os danos materiais e gastos sanitarios e mesmo cambialos de centro de saúde. A idea é que nada quede impune. Haberá sancións que oscilarán entre os 300 e os 15.000 euros. 

Os sanitarios estarán protexidos no seu lugar de traballo pero tamén fóra, mesmo no supermercado ou nos aparcadoiros dos hospitais, sempre que estean relacionadas co seu traballo.

A consellería prevé que esta reforma sexa aprobada no mes de setembro. Este venres publicará o texto do anteproxecto, que o conselleiro xa lle adiantou aos colectivos afectados esta mañá en Santiago. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade