Publicador de contidos
Publicador de contidos

Emiliano López Atxurra, presidente de Petronor: "No mix enerxético español falta a enerxía nuclear e iso é un erro moi importante"

Emiliano López Atxurra, presidente de Petronor: "No mix enerxético español falta a enerxía nuclear e iso é un erro moi importante"

"O hidróxeno veu para quedar como motor da descarbonización da industria en Europa"

G24.gal 30/11/2021 10:03

O presidente de Petronor, Emiliano López Atxurra, imparte hoxe unha conferencia no acto de apertura do Seminario permanente de transición enerxética e competitividade industrial da Universidade de Santiago. Entrevistámolo no espazo Bos días.

-Que pasa co prezo do gas e da electricidade? Pódese facer algo para baixalo?

É o perfecto exemplo de que cando falamos de transición enerxética hai que falar de sostibilidade económica e de equilibrio enerxético. Calquera proceso de transición que supoña desequilibrio nas fontes de enerxía trae disfuncións ao mercado.

-Entón podemos afirmar que os altos prezos do gas enerxía e da electricidade son un mal necesario para eliminar as emisións de CO2?

Non. O que hai que considerar é que o gas é un compoñente importante na transición e nese sentido calquera proceso de transición que se produza en España ten que ofrecer seguridade enerxética e aprovisionamento no caso do gas, e tamén as nosas relacións con Alxeria.

Tamén hai que valorar que no mix enerxético español falta un compoñente moi importante, tomada a decisión fai moitísimos anos coa moratoria nuclear, e é que a enerxía nuclear non é unha parte substancial do mix enerxético español, e iso é un erro estratéxico.

-Descarbonizar quere dicir electrificar?

Non, baixo ningún concepto. Descarbonizar quere dicir descarbonizar e a descarbonización faise cuns procesos ligados por unha banda á valorización de diferentes tecnoloxías, esas tecnoloxías conducen a mix enerxéticos diferentes e a electrificación é unha parte importante desa descarbonización pero non é unha parte substancial; a parte substancial é ter un mix enerxético ligado aos combustibles sintéticos, ao hidróxeno, ás enerxías renovables convencionais pero tamén ás novas enerxías que están aflorando. En consecuencia descarbonización significa eficiencia enerxética e tamén procesos de desenvolvemento tecnolóxicos non hipotecados por unha concepción equivocada de carbonización igual a electrificación.

-Que vai pasar con todas as empresas petroleiras coma a súa cando todos os coches sexan eléctricos? Van apostar por esa duplicidade ou maxificación de tipos de enerxía?

As empresas como a que eu presido cuxo accionista de referencia é Repsol teñen un gran futuro porque estamos desenvolvendo unha evolución do portfolio de negocio ligado non só ao produto convencional do petróleo, senón tamén aos novos combustibles como os sintéticos ou o hidróxeno. Por outra banda, nestes momentos a transición é transición, polo tanto, na descarbonización nós somos os actores importantes, porque o motor de combustión non vai desaparecer. A simplicidade de dicir que o proceso de mobilidade está ligado á electrificación é non entender o conxunto global da enerxía e da automoción.

-Nun artigo recente, o conselleiro delegado da empresa, Josu Jon Imaz, dicía que os europeos estámonos facendo trampas producindo aceiro ou papel en terceiros países con procesos moito máis contaminantes, polo que quedamos sen empregos e coa mesma contaminación porque o CO2 non distingue se se produce en Manila ou en Vigo.

Compártoo totalmente, porque estamos falando dun proceso europeo que é o máis parecido a un proceso cínico. Cando se fala da electrificación do transporte non se ten en conta que a electricidade que en moitos casos xera esa mobilidade eléctrica provén das centrais térmicas de carbón por exemplo de Alemaña, polo tanto non é falar de descarbonización.

Por outra parte, a descarbonización está ligada en moitos casos como o europeo a formulacións de externalización da actividades produtivas fóra de Europa que están centradas en procesos de dumping carbónico, social e ambiental.

Nese sentido, o que temos que facer en Europa é avanzar nun proceso de descarbonización que conduza a unha musculación tecnolóxica de todas as fontes enerxéticas posibles. Por iso o hidróxeno veu para quedar, porque ante o déficit de enerxía nuclear o hidróxeno é o que vai xerar a descarbonización do sistema industrial europeo. Hai que avanzar en procesos non teóricos, senón industriais de descarbonización.

-Por que din que é un erro explorar novos xacementos de gas natural?

O tema do hidróxeno ten que ver tamén coas capacidades de dotar de estabilidade á xeración renovable que ten unhas intermitencias. A descarbonización en materia de hidróxeno verde ten a capacidade de xerar forza enerxética. O gas é unha enerxía en transición, por iso temos que ser coidadosos e non maximalistas. Isto é un maratón e non unha carreira de cen metros lisos.

 

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade