Morre unha parella de 25 e 24 anos no concello do Pino ao saír da vía o seu coche na A-54
O condutor perdeu o control do vehículo e bateu contra o valado da autovía
É o estado no que quedou o vehículo no que viaxaban os dous mozos falecidos neste accidente na autovía entre Santiago e Lugo. Os ocupantes, un home e unha muller, tiñan 25 e 24 anos e eran parella. Cando chegaron ao lugar, os equipos de emerxencia só puideron certificar a súa morte.
"Efectivamente, os primeiros equipos de emerxencia que chegan, tanto por parte de asistencia, bombeiros, e pola nosa parte, acreditaban xa que estaban falecidas", asegura o xefe do Destacamento de Tráfico de Ferrol, o capitán Francisco Javier López.
O sinistro sucedeu arredor das dúas e media da tarde do domingo no quilómetro 75 da autovía A-54, ao seu paso polo concello do Pino. Sen que se saiba aínda a causa, o condutor perdeu o control do coche e impactou contra este valado. O vehículo saíu despedido e acabou batendo uns metros máis adiante contra a medianeira da autovía.
"Como consecuencia desa perda de control, o vehículo bate contra ámbolos dous valos laterais, para acabar na posición na que se atopa, cun choque final aparatoso contra a medianeira da esquerda", explica o xefe do Destacamento de Tráfico de Ferrol.
O sinistro sucedeu moi preto do lugar da Salceda, onde tiñan a súa residencia os dous falecidos.