Dúas coautoras do atraco a unha xoiería en Boiro aceptan 2 e 3 anos de prisión
Outros dous acusados, un home e unha muller, foron declarados en rebeldía por atoparse en paradoiro descoñecido
As dúas mulleres xulgadas non entrarán en prisión coa condición de que non delincan en 5 e 3 anos, que paguen a indemnización de 60.000 euros á vítima e que unha delas continúe co tratamento de desintoxicación
Liliana e Caterina foron as únicas que sentaron este xoves no banco dos acusados para responder polo atraco que perpetraron xunto a outra muller e un home nunha xoiería de Boiro. Estes últimos están en paradoiro descoñecido, e foron declarados en rebeldía. Liliana e Caterina aceptaron un acordo de conformidade coa Fiscalía esta mañá. Declaráronse culpables dos feitos que se lles imputaban.
As dúas recoñeceron que planificaron o asalto entre os 4. Alugaron un coche e o 2 de marzo de 2023 foron ata Boiro. Caterina e outra acusada quedaron vixiando mentres Liliana e outro home entraron na xoiería Sande, agora desaparecida. Interesáronse por unhas xoias e mentres a propietaria, Pilar, activaba a apertura da caixa forte entrou unha clienta habitual.
Insistiron en que a atendera primeiro e cando marchou, amordazaron a Pilar, atáronlle as mans e tirárona no chan mentres colleron xoias valoradas en 60.000 euros. Fuxiron os 4 nun coche. A clienta, que sospeitou da actitude da parella volveu á xoiería. Atopou a Pilar tirada no chan e alertou a Garda Civil.
Ao pouco tempo lograron identificar os asaltantes. O home foi enviado a prisión provisional pero cando saíu aos 3 meses, fuxiu. Outra das atracadoras tamén desapareceu. Supostamente están fóra do país. Só Liliana e Caterina acabaron no banco dos acusados.
Liliana foi condenada a 3 anos e 9 meses de prisión polos delitos de roubo con violencia e intimidación, detención ilegal e un delito leve de lesións. Aplicáronlle a atenuante de drogadicción.
Caterina aceptou unha pena de 2 anos de cárcere polo delito de roubo. Ambas deberán indemnizar á vítima con 60 mil euros, o valor das xoias.
As penas de cárcere quedan suspendidas e condicionadas a que non volvan delinquir no prazo de 5 e 3 anos, que paguen a indemnización e no caso de Liliana que siga co tratamento de desintoxicación que realiza en Ribeira.