Dous proxectos europeos como Burgos e Andorra baixan a Leb
Fuenlabrada gañou na pista dos burgaleses e provocou o descenso do equipo de Paco Olmos
O Zaragoza gañou en Murcia e festexou a salvación
Dous proxectos poderosos no económico, que xogaron en Europa esta temporada, acaban afundidos no pozo da Leb. Un deles foi o de Burgos, capaz de asinar un feixe de xogadores e mesmo de roubarlle o adestrador a Breogán a golpe de talonario, que non conseguiu gañar no último partido a Fuenlabrada, un resultado que lle tería dado a salvación.
Tampouco a acadou Andorra. Malia a súa exitosa campaña europea, na ACB sempre estivo na zona baixa e a traxedia consumouse na derradeira xornada cunha derrota diante de Tenerife.
Non o tiña doado Zaragoza que precisaba un triunfo na pista de Murcia, un equipo que estaba na pelexa por xogar o play off polo título. Pero os maños souberon conter a tensión e acadaron unha gran vitoria que lles dá a continuidade na elite do baloncesto español.