Dous posibles casos de sarna nunha escola infantil de Lugo activan o protocolo sanitario
O Concello activou o protocolo e notificou os dous posibles casos que serían dous profesores da escola infantil Gregorio Sanz
Será o Sergas quen valore o alcance do caso e determine se é necesario o peche total ou parcial
A Concellería de Educación do Concello de Lugo activou o protocolo sanitario tras detectarse a posible afectación polo ácaro Sarcoptes scabiei (sarna) en dúas persoas pertencentes á comunidade educativa da escola infantil Gregorio Sanz, concretamente dous profesores.
Nun comunicado, o Consistorio explica que a situación foi notificada inmediatamente ás autoridades autonómicas, tal e como se recolle no procedemento, concretamente á Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, dependente da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía do Sergas.
Será este organismo, por tanto, o encargado de valorar o alcance do caso e determinar se resulta necesario o peche total ou parcial da escola infantil para levar a cabo as tarefas de desinfección correspondentes.