Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous policías locais do Carballiño desaloxaron os veciños dun edificio durante un incendio

Dous policías locais do Carballiño desaloxaron os veciños dun edificio durante un incendio

Rescataron primeiro os maiores do edificio e non marcharon ata asegurarse de que todos os veciños estaban a salvo

G24.gal 06/01/2023 14:44

Rescataron primeiro os maiores do edificio e non marcharon ata asegurarse de que todos os veciños estaban a salvo. Esta decidida intervención de dous policías do Carballiño evitou males maiores durante o incendio dunha vivenda.

Os axentes atopábanse moi preto do lugar do incendio, atendendo unha das moitas incidencias que provocaran as chuvias dos últimos días. Foron os primeiros en chegar, entraron no edificio, evacuaron a dúas mulleres de idade avanzada e non marcharon ata asegurarse de non quedaba ninguén no edificio. Din que o mellor foi que malia o aparatoso do incendio e os moitos danos materiais, non houbo que lamentar feridos. 

Era aquí onde estaban os axentes cando recibiron o aviso do incendio, a apenas uns metros do edificio afectado as fortes chuvias abriran unha focha no asfalto e tiveran que cortar o tráfico. A alerta do 112 púxoos sobre aviso, foron os primeiros en chegar e alí a situación parecía complicada. A primeira persoa que atoparon foi a inquilina do primeiro andar.

"Estaba así como nerviosa desorientada, entón non sabía dicir se había alguén máis dentro. Vin que o lume era nunha habitación do fondo de todo, entón pechei esa porta para conter o lume aí e que non se estendera pola vivenda tan rápido. Fun de xeonllos xa porque estaba todo moi contaminado de fume, todo o piso, e evacuamos a señora", relata o policía local Óscar Miranda.

Despois seguiron comprobando quen quedaba aínda no resto das vivendas.

"Despois seguimos baixando o resto de veciños e o momento máis complicado quizais foi no segundo piso. Petamos varias veces, sabiamos que era o piso máis perigoso, xusto o que estaba encima e a base de insistir o final saíu unha señora maior que tiña algo de demencia e conseguimos baixala. Despois fomos planta por planta ata que quedou o edificio baleiro", conta Luís Mato, policía local no Carballiño.

Os bombeiros e o Grumir do Carballiño ocupáronse da extinción do incendio que provocou importantes danos materiais. Ambos axentes tiveron que ser atendidos no CHUO por inhalación de fume. Eles réstanlle importancia o acontecido e lembran que forma parte do seu traballo e que o realmente importante é que por fortuna ninguén resultou ferido. 

¿A satisfacción do traballo ben feito, non? Si, que non estamos só para sancionar as persoas?

Tanto é así que hoxe xa recibiron as primeiras felicitacións dos veciños. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade