Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous mortos, catro feridos críticos e oito comunidades arrasadas polo lume en España

Dous mortos, catro feridos críticos e oito comunidades arrasadas polo lume en España

O Goberno mantén en aviso previo a Unión Europea para poder solicitar medios de emerxencia

 

G24.gal 13/08/2025 15:33 Última actualización 13/08/2025 19:59

España continúa asediada por unha vaga de incendios que devora xa oito comunidades autónomas, obrigou a desaloxar milleiros de persoas e mantén catro feridos críticos tras causar onte dous mortos. Os bombeiros traballan sen descanso en  León e Zamora, onde están os lumes que máis preocupan.

Ademais de en Galicia, hai incendios activos noutras sete comunidades autónomas: Castela e León, Estremadura, Castela-A Mancha, Andalucía, Madrid, ademais de Asturias e Comunidade Valenciana, que foron as últimas en solicitar o apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pediu desde as súas redes sociais precaución ante unha situación que segue a ser grave, mentres que o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, afirmou que o Executivo mobilizou todos os medios materiais e humanos para combater as lapas.

O Goberno mantén en aviso previo a Unión Europea para poder solicitar medios de emerxencia no caso de que a situación o requira, aínda que polo momento non foi necesario.

E aínda que a vaga de calor deu unha lixeira tregua este mércores, preocupa a previsión de treboadas secas, polo perigo de que reaviven lumes como o que se iniciou en Molezuelas de Carballeda (Zamora) e se estendeu a León.

As autoridades vixían a virulencia do lume, que no que vai de ano queimou 98.784 hectáreas en España nun total de 199 incendios forestais, segundo os datos difundidos este mércores polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS, polas súas siglas en inglés).

A superficie calcinada duplica a do mesmo período en 2024, cando 219 incendios arrasaron 42.615 hectáreas, aínda que 2022 continúa como o peor ano xa que por estas datas arderan 306.555 hectáreas.

Once grandes incendios en León, Zamora e Palencia e 8.200 desaloxados

Ata once espazos naturais de Castela e León están afectados neste momento por grandes incendios forestais en León, Zamora e Palencia, que onte causaron a morte dun voluntario en León, manteñen desaloxadas 8.200 persoas e provocan cortes en estradas.

Catro dos sete feridos por queimaduras nas provincias de Zamora e León permanecen hospitalizados en estado crítico, con queimaduras nun dos casos no 85% do corpo.

Os sinistros que máis preocupan son os de Molezuelas da Carballeda e Castrocalbón, nas provincias de Zamora e León, que arrasaron 18.000 hectáreas e presentan gran virulencia.

Tamén son de gran magnitude os de Yeres, Llamas de Cabrera e Anllares do Sil, en León; Puercas (Zamora) e Resoba, na provincia de Palencia, todos eles co nivel 2, o máximo establecido polo protocolo.

Ademais, en nivel 1 de gravidade están outros tres incendios na provincia de León: os de Pardesivil, Orallo e Fasgar, este último o que arrasou a paraxe cultural e natural das Médulas, catalogada pola Unesco como Patrimonio da Humanidade e que quedou moi afectada polo paso das lapas.

Outros oito incendios permanecen activos na comunidade, sen chegar aos niveis máximos de gravidade, e xa se controlaron os de A Bastida (Salamanca), Paradiña (León) ou o de San Bartolomé de Pinares, en Ávila, que cortou a conexión ferroviaria entre Madrid e Ávila, restablecida este mércores.

Estremadura mantén activos tres incendios, con especial preocupación por Jarilla e Hurdes

Tres incendios permanecen activos en Estremadura con dous focos especialmente graves: Jarilla e Casares das Hurdes, ambos na provincia de Cáceres, aos que se sumou un terceiro lume en Santibáñez o Alto (Cáceres), de menor magnitude.

En Jarilla, o incendio, que se cre que se iniciou pola caída dun raio, obrigou a evacuar máis de 700 persoas en tres localidades. O repunte deste lume puxo nunha situación crítica o municipio de Cabezabellosa, onde as lapas avanzan cara ás vivendas e se enviou unha mensaxe masiva de ES-Alert aos veciños que se negaron marchar para que se confinen nas súas casas.

Asturias solicita o apoio da UME

A extinción dos dez incendios que esta mañá continuaban activos en Asturias viuse dificultada polo vento, o que levou ao Goberno asturiano a elevar o nivel de alerta e solicitar o apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Preocupa especialmente a situación en Cangas do Narcea, concello do suroccidente asturiano limítrofe con León no que hai activos tres incendios, un deles na zona de Cobos e Limés, nas proximidades do porto do Acebo, que onte chegou a ameazar algunhas aldeas e que está queimando pasto e matogueira principalmente.

Novos incendios en Comunidade Valenciana e Madrid

A Comunidade Valenciana foi a última autonomía en sumarse á onda de incendios forestais co que se declarou por mor dun raio en Teresa de Cofrentes (Valencia), de nivel 2 e para o que a Generalitat Valenciana solicitou a intervención da Unidade Militar de Emerxencias, ademais de desaloxar dúas pedanías.

Controlado o incendio de Tres Cantos en Madrid

En Madrid, o incendio de Tres Cantos que se declarou o luns e cobrou a vida dun veciño xa foi controlado tras arrasar 2.000 hectáreas.

Porén, este mércores declarouse outro lume en Torrelodones, que xa está estabilizado pero obrigou a desaloxar unha urbanización.

Andalucía: Tarifa e Xabugo (Huelva), estabilizados

En Andalucía déronse por estabilizados o lume de Tarifa (Cádiz), que segundo os primeiros datos puido ser intencionado, e o de Xabugo (Huelva), e as 900 e 240 persoas desaloxadas, respectivamente, xa puideron volver ás súas casas.

Os bombeiros andaluces concéntranse agora en apagar un novo incendio, o declarado este mércores na paraxe da Contienda, no termo municipal de Aroche, no Parque Natural da Serra de Aracena e Picos de Aroche (Huelva).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade