Dous encarapuchados atracan a man armada un supermercado en Teo
Ameazaron as empregadas e levaron 400 euros da caixa
O atraco produciuse sobre as sete da tarde deste martes no supermercado que ten a cadea Día en Montouto, no concello coruñés de Teo. Dous encarapuchados armados con pistolas ameazaron dúas empregadas que había na liña de caixas.
"Colleron os billetes, uns 400 euros, rexeitaron as moedas e fuxiron rapidamente", explica a responsable do supermercado Jennifer Cerqueiro.
Segundo as empregadas, eran homes novos de aquí, pero non puideron achegar moitos máis datos para a súa identificación porque levaban cuberta a cabeza, a cara e as mans.
Non está confirmado se as armas utilizadas eran pistolas de fogo real ou eléctricas.
Policía Local, Garda Civil e axentes da Policía Xudicial acudiron ao supermercado avisados polas propias vítimas do asalto para tomar pegadas e investigar o sucedido.