Dous detidos na Coruña por atracar e agredir un taxista
As cámaras do vehículo permitiron a rápida identificación dos presuntos agresores
A Policía Nacional detivo na Coruña os autores dun roubo con violencia perpetrado contra un taxista de madrugada.Segundo informou o 091 nun comunicado, o roubo ocorreu ás 3:30 horas do 16 de xaneiro na avenida de Hércules.
Esa noite, un taxista recollera dous clientes na rúa San Roque, un viaxaba de copiloto e o outro detrás, para levalos á avenida de Hércules.
Unha vez no destino, o taxista, que lles comunicaba o importe da carreira, recibiu un forte golpe na tempa por parte do pasaxeiro que viaxaba no asento de atrás. Os dous ocupantes continuaron agredíndoo para facerse co diñeiro que levaba no coche.
O taxista tentou abandonar o vehículo e logrou sacar medio corpo forza do coche. Un dos atracadores saíu do taxi para seguir dándolle patadas desde fóra.
Finalmente, os dous homes abandonaron o lugar, conseguindo subtraerlle uns 400 euros e deixando o taxista ferido na vía pública, quen foi auxiliado por veciños da zona que escoitaron berros de socorro e chamaron á Policía.
Como a vítima levaba cámaras no seu vehículo, os axentes puideron identificar os autores do roubo, que foron localizados na rúa Don Baltasar Pardal Vidal. Un deles levaba o diñeiro subtraído.
Os dous foron detidos e a Autoridade xudicial decretou o ingreso dun deles en prisión.