A pandemia entra nunha fase de transición dous anos despois do seu inicio
A estratexia céntrase en protexer os vulnerables e en vixiar a hospitalización
Dous anos despois de que a OMS declarara a pandemia situámonos nun escenario no que a forma de mirar e de xestionar a covid-19 cambia drasticamente.
Nas próximas semanas irán adoptándose medidas para avanzar cara á normalidade total. A vacinación foi crucial. O 95,4 % das persoas maiores de 12 anos están inmunizadas.
Entramos nunha fase transitoria que, como explica Nacho Ramil, xefe de medicina interna do HM Modelo, centrará os esforzos en protexer os vulnerables.
"Son os nosos enfermos máis maiores, os crónicos e os inmunodeprimidos. Hai que ver o impacto que se produce na asistencia sanitaria para garantir que a atención segue sendo de calidade".
Neste tránsito cara á normalidade total, as máscaras perderán presenza. Previsiblemente axiña deixarán de ser obrigatorias nas aulas. Pouco a pouco, irán retirándose noutros espazos interiores.
Estreamos un escenario novo, onde só se contabilizarán e só se fará seguimento dos casos positivos de persoas vulnerables. Segundo explica Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, as persoas con menos de 60 anos "ou que non teñan ningunha vulnerabilidade xa non se declararán como casos positivos e non farán illamento".
Pasaron dous anos e quizais teñamos que facer un esforzo para asumir todos estes cambios que chegan. Agora, toca afacerse a este novo xeito de entender e de xestionar a covid-19.