Dous actores secundarios como Muñoz e Suárez impulsan o Obradoiro (85-79)
Vitoria ante o Xirona nun partido que tivo moitas alternativas
Thomas Scrubb estivo brillante con 19 puntos, 10 rebotes e 32 de valoración
O Obradoiro logrou unha meritoria vitoria contra o Xirona grazas ao gran partido de Thomas Scrubb (32 de valoración) e á aparición en momentos determinantes de dous xogadores secundarios como Álvaro Muñoz (12 puntos) e Álex Suárez (14 puntos).
Comezou ben o equipo santiagués da man de Scrubb e Pustovyi (24-14). Todo ía sobre rodas cunha diferenza de 11 (28-17), pero o Obradoiro entrou en crise e recibiu un parcial de 3-21 que lle deu a volta ao partido (31-38). Ao descanso o resultado era de 35-39.
No terceiro cuarto volveu a mellor versión de Scrubb con dez puntos perfectamente secundado por un Alex Suárez (oito puntos) moi atinado no tiro exterior con dúas triplas. O Obradoiro volveu coller o mando do partido (64-53).
Pero na montaña rusa aínda quedaba unha baixada máis e os visitantes, cun 0-10, poñíanse por diante de novo (67-68). Era un momento complicado e volveron aparecer Muñoz e Suárez con dúas triplas para devolver a vantaxe (77-70) que xa souberon manter ata o final.