Dó en Sandiás: unha das vítimas do incendio de Crans-Montana era neto de emigrantes deste concello
Trátase dun mozo de 18 anos que pasou os primeiros anos da infancia cos seus avós na aldea de Vilariño das Poldras, a onde seguía regresando con frecuencia
O bar incendiado nos Alpes suízos non fora controlado nos últimos cinco anos
A traxedia de Crans-Montana alcanza tamén unha pequena aldea da Limia. En Vilariño das Poldras pasou os primeiros anos da súa vida Guillaume Dios, Guillermo para os veciños de aquí.
"Ai, meu neno, que o criei e foime morrer a Suíza. Se viras que mozatón, guapo, alto... un nenos de dezaoito anos que era un modelo", chora Bernardina Blanco, avoa dunha das vítimas de Crans-Montana.
A avoa recibía a confirmación da triste noticia este domingo, tras a identificación dos cadávares. O seu neto tiña 18 anos e pasou con ela os primeiros da infancia, ata que marchou cos seus pais para Suíza para empezar os estudos. En Infantil asistía a clases no colexio de Sandiás.
"Ata os seis aniños. Despois levárono porque empezou alí o colexio. O meu fillo só ten ese neno. Estaba vivindo con el. E agora quedou sen nada", lamenta Bernardina.
Seguía regresando a Vilariño das Poldras con frecuencia. Este mesmo Nadal a familia estivera valorando a opción de viren visitar a avoa.
"Viña moito para onda min, que só quería vir onda a avoa. E mira, non viñeron pasar as festas aquí e mira onde foi morrer o meu neno", di Bernardina.
A dor esténdese ao resto dos veciños desta pequena aldea da Limia onde todos se coñecen.