Distribuidores e fabricantes de alimentos e bebidas advirten do risco de desabastecemento
Reclaman corredores seguros para recibir materiais e sacar os produtos das fábricas
Hijos de Ribera podería ter que pechar a planta de cervexa e as envasadoras de augas
A conserveira Calvo deixa de producir o próximo luns
Os supermercados están abastecidos. Faltan cousas nos estantes sobre todo polo efecto de acaparamento que se desatou coa guerra de Ucraína, como o aceite e a pasta. Pero o paro do transporte xa se comeza a notar noutros produtos básicos de proximidade e vai ir a peor nos próximos días.
"Leite, produtos frescos como o peixe. Pero tamén produtos de aquí, porque os provedores non reciben material para empacar os seus produtos e despois eses produtos non chegan ás nosas plataformas", asegura a directora de comunicación de Vegalsa.
As distribuidoras pero tamén os fabricantes de alimentos e bebidas coinciden en reclamar corredores seguros para garantir a cadea de produción e venda mentres dure o paro do transporte por estrada
"Estamos nunha situación crítica. Está habendo incidentes con moitísima agresividade contra os camións, os centros loxísticos, contra fábricas. A situación agora mesmo comeza a ser insostible" asegura Paloma Sánchez da Federación de Industrias de Alimentación e Bebidas.
Calvo, unha das principais conserveiras galegas, paralizará o luns a súa produción se non se soluciona o paro dos transportistas.
Fabricantes de cervexa como a galega Hijos de Rivera non descartan deixar de producir a partir deste venres. Non reciben materias primas nin envases, tiveron que paralizar as exportacións e teñen os centros loxísticos ao límite de ocupación.
Teñen a mesma situación nas súas plantas de envasado de augas minerais. Estas e outras bebidas poderían comezar a desaparecer en breve dos supermercados e dos locais de hostalería.