Dimite a ministra do Interior de Portugal no medio de críticas sobre a xestión de temporais
Durante o verán pasado a súa xestión dos incendios en Portugal tamén foi polémica
RTP
A ministra do Interior de Portugal, Maria Lúcia Amaral, presentou este martes a súa dimisión, a proposta do xefe do Goberno Luís Montenegro, ao entender "que xa non ten as condicións persoais nin políticas indispensables para o exercicio do cargo".
Nun comunicado, a Presidencia de Portugal informou que o mandatario Marcelo Rebelo de Sousa aceptou a renuncia de Amaral e que "transitoriamente" o primeiro ministro asumirá as súas competencias.
Esta dimisión prodúcese no medio das críticas que tivo a resposta do Goberno aos temporais das últimas semanas en Portugal, que causaron sete falecidos e polo menos seis mortes indirectas de persoas que caeron de tellados mentres tentaban reparalos despois das borrascas.
Amaral foi o branco desas críticas polo atraso na resposta gobernamental á crise desatada polos temporais, que ocasionaron inundacións, esvaramento de terras e importantes danos materiais en varias partes do territorio.
Durante o verán pasado a súa xestión dos incendios en Portugal tamén foi polémica, como cando quitou importancia ao feito de que non estivesen operativos todos os avións da loita contra o lume, cando as lapas en Ponte da Barca, no norte do país, levaban varios días descontroladas.
De 68 anos, Amaral levaba no posto desde xuño pasado, cando xurou o cargo xunto co resto de membros do segundo Goberno de Montenegro.
Antes de chegar ao Goberno, esta xurista foi durante oito anos defensora do pobo, sendo a primeira muller en ocupar este cargo, e previamente foi vicepresidenta do Tribunal Constitucional.