Rueda insta a Sánchez a solucionar "o caos ferroviario" e a mellorar o estado das estradas
Foi nunha chamada que lle fixo o presidente do Goberno para interesarse polo temporal
A estrada provincial 540 perdeu parte do recheo do firme na recta de Gontán
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, contactou este martes co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para "seguir a evolución do temporal" na comunidade autónoma.
Así o trasladou nunha publicación na rede social X, en que Sánchez tamén agregou que existe "máxima coordinación entre administracións" e que o Executivo brinda todo o seu apoio ás zonas afectadas. "Prudencia e atención ás indicacións dos servizos de emerxencia", concluíu o xefe do Executivo.
Acabo de conversar con el presidente @AlfonsoRuedaGal para seguir la evolución del temporal en Galicia.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) February 10, 2026
Máxima coordinación entre administraciones y todo el apoyo del Gobierno a las zonas afectadas.
Prudencia y atención a las indicaciones de los servicios de emergencia.
O presidente da Xunta confirmou nas redes sociais a chamada e agredeceulle o interese. Rueda afirma que aproveitou a conversa para denuncia o caos ferroviario que se está a vivir en Galicia nos últimos días a causa do mal tempo e da folga. Tamén urxiu a Sánchez a que se proceda ao arranxo das estradas e autoestradas dependentes do Estado.
Acabo de recibir a chamada de @sanchezcastejon para interesarse polo temporal e coordinarnos, o que lle agradezo.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) February 10, 2026
Pedinlle tamén solucións ao caos ferroviario que están sufrindo os galegos.
Urxinlle, ademais, a arranxar as autoestradas, autovías e estradas nacionais dependentes…
A Xunta activou este martes o aviso laranxa por choiva no interior de Pontevedra e tamén decretou ese mesmo nivel polo temporal costeiro no noroeste e oeste do litoral da provincia da Coruña e na Mariña. A Aemet agarda no interior de Pontevedra un fenómeno meteorolóxico adverso por precipitacións acumuladas en 12 horas de máis de 80 milímetros. Así, advirte de que ante a forte choiva recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan asolagarse e afastarse dos cursos dos ríos.
Por ese aviso laranxa por choiva acumulada, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada do martes as actividades no exterior dos centros educativos dos 16 concellos da zona Interior de Pontevedra.
Son os municipios de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
A Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados pola choiva.
En canto á alerta por temporal costeiro, esta activarase á primeira hora da mañá do martes por mar combinada do oeste con ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza sete e localmente forza oito nas provincias da Coruña e Lugo.
Por ese motivo tamén se suspendeu a actividade deportiva no mar nesa zona. A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén solicita que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.