Publicador de contidos

Publicador de contidos

Diego As realiza un gran mural na comandancia da Garda Civil de Lugo

Diego As realiza un gran mural na comandancia da Garda Civil de Lugo

A obra, de 14 metros de altura, retrata unha axente cun neno no colo

Félix Aragunde 26/05/2022 13:42

Espectacular obra a que realizou na comandancia da Garda Civil de Lugo o artista Diego As, autor do mellor mural urbano do mundo en 2021. A pintura retrata unha axente cun neno no colo. Inspirada nunha imaxe do fotógrafo Fernando Ruso sobre a conciliación familiar neste corpo, o seu significado é de interpretación aberta.

Diego As, artista urbano: "El fixo esta fotografía xa hai cinco anos, e investigando que pintar aquí na comandancia decidín basearme nela. Non lle dou un significado único, e quero que cadaquén o vexa como queira".

María José Moreno, tenente da Garda Civil: "Mostra o lado máis humano da Garda Civil, esa cercanía que ten que ter co cidadán. Vese perfectamente como unha axente está rescatando un pequeno".

Co gallo do 178 aniversario da Garda Civil, na comandancia lucense celebrouse un acto de entrega de distincións, en que se fixo alusión ao mural de Diego As.

Miguel Ángel González Arias, tenente coronel xefe da comandancia da Garda Civil de Lugo: "Polo seu interese e bo facer no deseño e execución do mural. Máis alá de calquera outra interpretación, pretende representar o espírito que acompañou o corpo dende a súa creación e lle valeu o nome de Benemérita".

O mural foi plasmado nunha medianeira da comandancia en apenas catro días. Aproveitando o bo tempo, o seu autor traballa arreo agora nas encargas que non deixan de chegarlle.

Diego As, artista urbano: "Teño moitas encargas acumuladas. A raíz do Xulio César que  fixen na rolda da muralla, a xente comezou a confiar no meu traballo. Teño o verán repleto".

Con 84 metros cadrados, este é o último dos grandes murais realizados por Diego As na capital luguesa.

A obra de Diego As ten unha extensión de 84 metros cadrados A obra de Diego As ten unha extensión de 84 metros cadrados
Publicidade
Publicidade
Publicidade