Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres detidos en Arteixo, acusados de intento de homicidio pola agresión a un home nun bar

Tres detidos en Arteixo, acusados de intento de homicidio pola agresión a un home nun bar

A vítima foi acoitelada varias veces nun local de hostalería tras unha discusión cunha parella por unha débeda anterior

Aínda que solicitou axuda ao resto das persoas que estaban no bar, non foi atendido, e foi a pé ata preto do seu domicilio, onde uns familiares lle prestaron auxilio

G24.gal 06/10/2026 09:14

A Garda Civil, en colaboración coa Policía Local de Arteixo, detivo tres persoas e investiga outras dúas como supostas autoras de delitos de homicidio en grao de tentativa, encubrimento, quebrantamento de medida cautelar e omisión do deber de socorro.

Os feitos ocorreron o pasado 21 de setembro no interior dun establecemento de hostalería de Arteixo, onde, segundo detalla este martes a Garda Civil, se produciu unha agresión a un home tras unha discusión polo reclamo dunha débeda económica pendente.

Nese momento, dous dos implicados —unha parella sentimental— abalanzáronse sobre a vítima; mentres o home a inmobilizaba, a muller deulle catro puñaladas cunha navalla de grandes dimensións, que lle causou unha perforación pulmonar de gravidade.

Tras a agresión, a vítima solicitou auxilio ás persoas presentes e ao responsable do establecemento, que fixeron caso omiso.

O agredido tivo que desprazarse a pé ata as inmediacións do seu domicilio, onde foi asistido por familiares e posteriormente trasladado e ingresado de urxencia na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

A Garda Civil tomou declaración ao ferido no propio centro hospitalario, mentres que a Policía Local colaborou na inspección administrativa do local.

Froito das investigacións, este mércores 30 de setembro os axentes procederon á detención dos dous supostos autores materiais da agresión.

Tamén foi detida unha terceira persoa como suposta autora dun delito de encubrimento, por facilitar a fuxida dos agresores no seu vehículo particular e colaborar na ocultación da arma empregada.

Ademais, constatouse que a muller detida tiña en vigor unha medida xudicial de prohibición de posesión e uso de armas, que quebrantou durante a comisión do feito delituoso.

Posteriormente, na tarde do 2 de outubro, procedeuse á investigación de dúas persoas máis por un suposto delito de omisión do deber de socorro por non auxiliaren a vítima nin alertaren os servizos de emerxencia.

As dilixencias instruídas foron postas ao dispor do Tribunal de Instancia de Garda da Coruña e a autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para os dous supostos autores materiais da agresión e liberdade con medidas cautelares para o investigado por encubrimento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade