Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un home por un incendio forestal causado mentres rozaba en Becerreá

Detido un home por un incendio forestal causado mentres rozaba en Becerreá

Segundo a Garda Civil, o arrestado é un operario que traballaba sen contrato na limpeza de terreos

A investigación determinou que o incendio foi provocado polas faíscas orixinadas nas pedras pola maquinaria rozando 

O incendio foi o 18 de setembro e afectou 13 hectáreas

G24.gal 30/09/2025 15:48

A Garda Civil detivo este martes un home de 48 anos, de nacionalidade portuguesa, como presunto autor dun incendio forestal por unha "imprudencia" mentres rozaba en Becerreá o pasado 18 de setembro.

Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, este home era un traballador sen contrato que realiza traballos de limpeza e roza nas marxes dunha estrada na parroquia de Vilachá.

"Levaba traballando sen contrato laboral varios meses, tendo constancia fidedigna o propietario da empresa da devandita vicisitude, xa que era o mesmo que lle pagaba a final de mes en efectivo e sen ningún tipo de xustificante oficial", explica a Garda Civil.

Os axentes observaron que na zona na que se iniciou o incendio fora rozada ese mesmo día, polo que se identificou nas inmediacións a dous traballadores dunha empresa de rozas, un dos cales era o condutor dun tractor coa rozadoira axustada, o cal tentou abandonar o lugar ante a presenza da patrulla.

A investigación determinou que o incendio foi provocado polas faíscas orixinadas nas pedras pola maquinaria rozando as marxes da estrada que se dirixe a Bustelo.

As dilixencias policiais foron remitidas á Autoridade Xudicial. O home foi detido pola Garda Civil, está acusado de ser o autor dun delito de incendio forestal por imprudencia. Este incendio afectou a unhas 13 hectáreas de monte raso e arboreda. Participaron medios terrestres e aéreos para a súa extinción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade