Detido un home polo asasinato a puñaladas da súa parella en Madrid
Detido un home polo asasinato a puñaladas da súa parella en Madrid
A principal hipótese con que traballan os investigadores é que se trata dun caso de violencia machista

A Policía Nacional detivo un home como presunto autor do asasinato dunha muller de 36 anos, na madrugada do pasado domingo nunha vivenda do distrito madrileño de Villaverde, coa cal convivía e supostamente sería a súa parella.
Segundo informou este luns a Xefatura Superior de Policía de Madrid, a principal hipótese con que traballan os investigadores do Grupo VI de Homicidios da Brigada Provincial de Policía Xudicial é que se trata dun caso de violencia machista.
O detido, un home da República Dominicana de 30 anos, entregouse o domingo á noite na comisaría e foi detido como presunto autor dun delito de homicidio.
O crime ocorreu sobre as catro da madrugada do domingo nun edificio onde presuntamente convivían o agresor e a súa vítima, unha muller española nada en 1987.
Unha persoa alertou de que había unha muller ferida no descanso da escaleira e, ao chegaren, os axentes atoparon unha muller con numerosas feridas de arma branca na parte anterior do tórax e no pescozo, explicaron fontes da investigación.
Os axentes iniciaron manobras de reanimación, que pouco despois continuaron os efectivos do Samur; tras trinta minutos só puideron confirmar a súa morte.
De confirmarse esta morte como crime machista, o número de mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas elevaríase no que vai de ano a 49 e a 1.233 desde 2003, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.
O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.